O PSdeG-PSOE de Allariz propón a adopción dunha ordenanza de transparencia que asegure o acceso á información por parte da veciñanza

24/02/2017
By

 

Zaida Rodríguez, anuncia a formulación dunha pregunta en pleno para que os veciños e veciñas as coñezan as medidas do goberno local ante o grave suceso acontecido en San Mamede de Urrós

 

Ourense, 23 de febreiro de 2017. Co gallo de mellorar a saúde democrática e ser exemplo de boas prácticas, a portavoz socialista no Concello de Allariz, Zaida Rodríguez, leva, para o seu debate en Pleno, unha moción encamiñada a aprobación dunha ordenanza municipal de transparencia e acceso á información. Coa intención de que Allariz lidere a implementación de medidas que melloren a vida democrática do municipio, a voceira do PSdeG-PSOE quere que se afonde nas medidas encamiñadas a render contas ante a cidadanía. Tal como destaca, “non abonda con cumprir o estipulado na Lei de Transparencia nin cos prazos marcados polo goberno para adaptarnos á mesma, debemos ir un paso máis aló e facer realmente comprensible e accesible toda canta información sexa de interese para os nosos veciños e veciñas”.

Calquera concello, con independencia do seu tamaño, pode mellorar substancialmente en transparencia. Ese é o caso de Allariz, no que se puxeron en marcha medidas a prol dunha maior transparencia nos asuntos públicos e se apostou por estes principios. Nembargante, tal como defende a voceira socialista, non se pode perder ritmo e hai que estar permanentemente innovando e mellorando esta cuestión vital para a vida democrática.

Tal como é coñecido, o pasado 10 de decembro, rematou o prazo de dous anos concedido para adaptarse á Lei de Transparencia. Dende ese día, todos os concellos teñen a obriga legal de teren publicados, nas súas páxinas web, “de maneira clara, estruturada e entendible”, os orzamentos municipais e os salarios dos seus cargos, contratos asinados e subvencións concedidas, entre outros datos. Sen embargo, para cumprir coa normativa, non abonda con publicar estes datos, sen traballalos. “Cómpre que a información que se comparte coa cidadanía sexa comprensible, de fácil acceso e de xeito gratuíto”, engade Zaida Rodríguez. Por isto, o PSOE, insta a que o pleno adopte medidas que faciliten esa accesibilidade e comprensión.

Para os e as socialistas de Allariz, é imprescindible que para mellorar en termos de transparencia e bo goberno, se aposte pola rendición de contas ante os cidadáns. “A crise do noso modelo de democracia que vimos atravesando, onde se pon en cuestión o papel dos representantes políticos, fai que sexa máis necesario ca nunca, apostar pola transparencia na xestión e que entendamos a necesidade de combinar os instrumentos da democracia representativa cos da democracia participativa. A cidadanía non se conforma con ser un mero votante cada certo tempo, esixe participar na toma de decisións e fiscalizar as nosas accións en canto que representantes”, declara Rodríguez. Para a voceira socialista, xa non se trata dunha oportunidade de mellorar a forma de gobernar, senón dunha necesidade derivada das demandas da cidadanía, á que se debe responder dende as institucións públicas, sobre todo, dende a administración máis próxima aos veciños e veciñas. O obxectivo último é recuperar a lexitimidade perdida e a confianza cidadá así coma previr eventuais casos de corrupción e reforzar a eficiencia das administracións públicas nas que, lembremos, se xestionan os recursos de todas e todos.

Nos tempos que corren, reiteran dende o PSOE alaricano, cómpre airear as institucións, abrilas á cidadanía, que os veciños e veciñas se sintan parte da xestión diaria do seu concello. Por isto, Zaida Rodríguez, insta a que o concello de Allariz se poña á vangarda destas medidas de transparencia e bo goberno, apostando por unha administración local máis achegada ás demandas e necesidades da cidadanía. Por todo isto, os e as socialistas de Allariz reclaman ó pleno que o concello se adhira ao portal de transparencia da FEGAMP e que aprobe unha ordenanza propia de transparencia, acceso á información pública e reutilización de datos.

Asalto en San Mamede de Urrós

Nesa mesma sesión plenaria, a concelleira socialista preguntará polo acontecido na parroquia de San Mamede de Urrós, no que dous veciños foron asaltados, agredidos, torturados, extorsionados e roubados, veu a convulsionar a vida diaria dos veciños e veciñas de Allariz ao ver comprometida a súa seguranza. Respecto a este desgrazado acontecemento, os veciños e veciñas precisan coñecer, pormenorizadamente,o tipo de actuacións que se levaron a cabo para salvagardar a integridade dos e das alaricanos. O temor, fundado, que se instalou nunha poboación avellentada e dispersa, propia do noso país, fai que sexa esixible que o goberno de Allariz dea a coñecer todos as medidas postas en marcha para asegurar a protección dos habitantes do concello. Por todo isto, Zaida Rodríguez demanda, da equipa gobernante, que explique que datos manexa sobre este deplorable suceso e se foi convocada a preceptiva Xunta de Seguridade Local, tal como debe ser oportuno, dadas as circunstancias.

 

Tags: , , , , , ,