O alcalde d´O Bolo, denunciado polos socialistas, traslada a responsabilidade da súa imputación por prevaricación ós funcionarios do concello

24/02/2017
By

O rexedor do PP, que é titulado universitario e que leva 24 anos de alcalde, fíxose o sueco asegurando que descoñece a lei que o obriga a respostar e entregar copias á oposición 

A denuncia destapou feitos graves como a reiterada negativa de información sobre un cento de cuestións ou a non celebración de sesións plenarias extraordinarias

  

Ourense, 23 de febreiro de 2017. O alcalde do Bolo, Manuel Corzo (PP), declarou hoxe en calidade de investigado –imputado– por un presunto delito de prevaricación administrativa, ante a titular do xulgado de Primeira  Instancia e Instrución número 1 da Pobra de Trives, por impedir o traballo de control e fiscalización do PSdeG-PSOE dende a oposición municipal. O rexedor popular físoxe o sueco ante a xustiza, xa que descargou toda responsabilidade dos seus actos nos funcionarios, asegurando que a secretaria lle dixo que, por lei, non podía dar copia dos expedientes. Ademais, afirmou descoñecer o regulamento que obriga a dar resposta ás peticións feitas pola oposición.

Corzo, que se negou a responder á totalidade das preguntas do avogado do edil denunciante, Juan Ferreira, non explicou, entre outras cuestións, se deu orde á secretaria e unha funcionaria para que non se abrisen expedientes sobre as cuestións formuladas polos socialistas ou se denegou o acceso a información relativa ós orzamentos municipais. Sen embargo, sí manifestou, a interpelación do seu avogado, que algúns dos escritos non foron respondidos porque non dispón de persoal no concello.

Os socialistas do Bolo aseguran que Corzo, que leva 24 anos na alcaldía e que é titulado universitario, non pode escudarse no descoñecemento da lei para xustificar os seus reiterados incumprimentos dunha obriga democrática. “O alcalde amosa coñecer a lexislación cando suspende ou interrumpe os plenos durante as nosas intervencións facendo valer as súa función de presidente do pleno; pois o igual que coñece esa normativa, tamén debe coñecer a que obriga a dar trámite e a responder ás cuestións da oposición municipal”, advirten antes de recordar o principio do Dereito Ignorantia juris non excusat, é dicir, que a ignorancia da lei non escusa do seu cumprimento.

O PSdeG-PSOE deste concello denunciou o pasado mes de decembro no xulgado que o alcalde e a secretaria non facilitan, dende hai anos, a información e documentación solicitada para exercer o control da activade política e administrativa do goberno local, sobre un cento de cuestións de interese pública. Durante a instrución do caso, a xuíza ordenou que o Concello remitise testemuño da documentación relacionada cos expedientes e respostas solicitadas polos socialistas dende novembro de 2014, así como copia das instancias nas que reclamaba a celebración de plenos extraordinarios que nunca foron convocados.

A prevaricación administrativa é un delito no que un cargo público emite ou practica unha resolución inxusta a sabendas. Segundo o artigo 404 do Código Penal, a condena pode supor unha pena de inhabilitación especial para emprego ou cargo público e para o exercicio do dereito de sufraxio pasivo por tempo de nove a quince anos.

 

Tags: , , , , , ,