Os socialistas d’Os Blancos demandan a anulación do pleno do Concello de aprobación dos orzamentos, ao que a nosa concelleira foi convocada cun papel de publicidade

22/02/2017
By

CONVOCATORIA_PLENO_OSBLANCOS

Cunha mensaxe escrita nun papel de publicidade médica, e entregado á familia da concelleira en lugar de a ela. Así, desta extraordinaria, irregular e vergoñenta xeito, convocou o Concello d’Os Blancos, en mans do PP, á nosa concelleira. A nota, escrita a bolígrafo e inzada de erros ortográficos, foi entregada a un familiar da edil da oposición e simplemente contén a mensaxe literal “Lunes dia 6 21.00 Aprobacion Provisional do PXOM e Aprobacion inicial do orzamento”.

Emilia López, voceira socialista n’Os Blancos, considera o sucedido un “comportamento completamente antidemocrático” xa que supón a “vulneración do dereito fundamental recollido na Constitución de participar nos asuntos públicos, directamente ou por medio dos representantes elixidos”, lembrando que non se lle permite participar e foron vulnerados os seus dereitos “como concelleira e representante pública”.

Este incríbel xeito de convocar á única oposición que hai no pleno incumpre o artigo 80 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais e o artigo 46 da Lei de Bases do Réxime Local, onde se establece que entre a convocatoria e a celebración da sesión deberán transcorrer, polo menos, dous días hábiles, salvo no caso das sesións extraordinarias urxentes. Por iso, os compañeiros d’Os Blancos veñen de reclamar, mediante un escrito presentado no Rexistro do Concello, a anulación dos importantes acordos e decisións adoptados durante esa irregular sesión, así como unha convocatoria correcta.

Tags: , , , ,