Leiceaga visita Ribadavia e demanda a apertura na vila do Museo do Viño de Galicia

museo_do_vinho

O voceiro do Grupo Socialista no Parlamento galego, Xoaquín Fernández Leiceaga, denunciou o “desleixo permanente” da Xunta coa dinamización do rural, no marco da súa visita á capital d’O Ribeiro, na que o acompañaron a deputada pola nosa provincia Noela Blanco e o alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez

Fernández Leiceaga puxo o caso deste Museo como paradigma do desleixo do goberno galego e da falla de compromiso co rural tanto do Executivo autonómico como da propia Deputación, xa que, logo de trinta anos dende que foi planificado, este Museo está totalmente preparado para a súa apertura e fica á espera de que a Xunta o dote de fondos e persoal.

Leiceaga sinalou que se trata dunha “oportunidade para o Concello, a comarca e toda Galicia”, por canto serve de complemento para impulsa-la actividade turística do interior de Galicia, malia que a actual situación está a supoñer que a iniciativa fique lastrada por unha decisión política deliberada do goberno galego.

A reivindicación desta apertura, que vai ser tratada no pleno do Parlamento da próxima semana, foi presentada por Leiceaga tamén como un xeito de “chama-la atención sobre as consecuencias do seu desleixo permanente e continuado, que non é froito da ignorancia”, en referencia á Xunta do PP.

A deputada Noela Blanco explicou que os socialistas lle reclamarán á Xunta unha data de previsión de apertura da infraestrutura, que constitúe “unha mancha máis da Xunta coa comarca do Ribeiro”.

Pola súa banda, o alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez, reivindicou que o Museo do Viño “sexa algo máis que un argumento para que o PP veña facer fotos e anuncios en campaña electoral”, lembrando que “foi un alcalde socialista quen iniciou o proxecto, foi un presidente da Xunta socialista quen conseguiu poñelo en marcha e é o PP quen o está aprazando continuamente”, e reclamou un compromiso claro dende a Xunta e a Deputación que, dixo, “ten persoal suficiente para dotar” ao Museo do Viño de Galicia e poñelo en marcha, en alusión á controvertida política de persoal de Baltar no ente provincial.