Os socialistas d´O Bolo denuncian no xulgado ó alcalde do PP por bloquear durante unha década solucións para potabilizar a traída de auga dunha aldea

17/02/2017
By

O servizo de control de riscos medioambientais da Xunta de Galicia ditaminou que a agua que beben os veciños e veciñas non é apta para consumo debido a parámetros microbiolóxicos

 O Valedor do Pobo abriu tres expedientes para investigar o asunto e o alcalde recoñeceulle por escrito que non adoptou ningún acordo para solucionar o problema

 

 Ourense, 16 de febreiro de 2017. Os socialistas do Bolo acaban de denunciar no xulgado unha nova falcatruada do alcalde do PP, Manuel Corzo. Desta vez, os feitos afectan directamente ós veciños e veciñas do Cruceiro das Ermitas, xa que o rexedor “obstrúe sistemáticamente a potabilización da auga” dende hai unha década, segundo se explica polo miúdo na denuncia rexistrada no xulgado de Trives, na que, ademais, se relata o carrusel de reclamacións dos habitantes da zona a diversos organismos e o propio concello sen que ninguén faga nada, a pesar de que diferentes analíticas destaparon que auga dos mananciais da zona non é apta para consumo humano por superar oS parámetros microbiolóxicos máximos.

O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, manifestou mediante unha carta remitida a unha veciña o seu “compromiso”, pero tamén lle recorda que se trata dun asunto de competencia municipal. “As queixas non foron atendidas durante máis de nove anos e o rexedor puxo todo tipo de trabas”, relata a denuncia, antes de recordar que o Valedor do Pobo abriu tres expedientes para investigar os feitos.

Por outra banda, en 2014, o servizo de control de riscos medioambientais da Xunta de Galicia ditaminou que a agua dos mananciais que abastecen os habitantes da zona non é apta para consumo humano, xa que superan o parámetros microbiolóxicos máximos. O rexedor do PP xa coñecía esta grave situación de risco para a saúde a través de informes analíticos encargados polos veciños e veciñas ó Colexio de Farmacéuticos de Ourense. “O alcalde dedicouse a torpedear sistemáticamente o expediente para levar adiante a potabilización da auga”, insiste a denuncia.

Tras presentar numerosos escritos mediante rexistro e despois de levar o asunto ó pleno municipal en varias ocasións, a veciñanza está farta de ser ignorada polo alcalde, e por iso o PSdeG-PSOE decidiu levar novamente ante a xustiza o alcalde xa imputado por presunta prevaricación. Incluso se fixeron xestións coa Sociedade Provincial de Aguas e Medio Ambiente da Deputación de Ourense sen ningún resultado tácito por parte do goberno local do Bolo, que incluso recoñeceu ó Valedor do Pobo, mediante un escrito datado o 19 de decembro de 2016, que “non se adoptou ningún acordo sobre a subministración de auga ás Ermitas”.

 

Tags: , , , , , , , , , , , ,