Instamos á Xunta a acabar coa paralización dos centros de Saúde pendentes

A deputada pola nosa provincia no Parlamento galego Noela Blanco, achacou a paralización dos centros de saúde d’O Vinteún e Mariñamansa ao “desleixo” da Xunta e á súa “falla de entendemento” co goberno local da cidade.

Na Comisión de Sanidade do Parlamento, Blanco preguntoulle ao goberno galego por unhas obras dispostas polos gobernos socialistas e paralizadas dende a chegada de Feijóo á Xunta, lembrando que a obra prevista no barrio de Mariñamansa leva “meses paralizada”, logo de que o anterior goberno socialista puxera ao dispor da Xunta, no 2010, seis posibles ubicacións para a súa construción.

A deputada instou ao Director Xeral do Sergas a “poñerse de acordo” co Alcalde e escoller unha parcela, e acusouno de utilizar este argumento como coartada para deixar ao Sur da cidade sen o centro, lamentando que o Xerente do Sergas asegurara que “segundo contactos recentes co Concello de Ourense, non hai parcela na cidade para esta infraestrutura”, cando contan coas devanditas seis posibilidades diferentes postas en servizo polo anterior goberno municipal socialista, para unha infraestructura solicitada por dezaoito colectivos veciñais e polo Pleno do Concello na súa totalidade (que, no pasado mes setembro aprobou unha proposta socialista para “instar á Xunta a que se comprometa a fixar de inmediato un calendario para o inicio, a execución e remate das obras dos novos centros de saúde de O Vinteún e Mariñamansa, así como asignar as partidas orzamentarias correspondentes para levalos a cabo nesta lexislatura”)

No tocante ao Centro de Saúde no barrio d’O Vinteún, Blanco tamén criticou a súa parálise, tamén logo de que o anterior goberno municipal socialista acondicionara unha parcela cun esforzo adicional de explanación de 1250 metros cadrados, e un investimento de 284 000 € para a súa urbanización. A deputada lembrou tamén que esta obra foi licenciada ao amparo do daquela PXOM vixente, e criticou o “desleixo do goberno do PP”, que renunciou a solicitar unha nova licenza na actual Ordenación Provisional do urbanismo da cidade.

A compañeira lamentou que o Sergas “tampouco aporta ningunha data aproximada de execución do proxecto nin do orzamento que vai adicar ao mesmo, alegando un problema urbanístico ante o que o PP se cruzou de brazos, deixando que pasara o tempo sen tentar solventar esa situación”.

En todo caso, o certo é que, segundo explicou a deputada, na memoria do Sergas para 2017 estas actuacións non figuran como prioritarias, “nin hai orzamento dispoñible”, lembrando que o propio PP vetou, no debate dos orzamentos, as emendas presentadas polos socialistas galegos para destinar dous millóns de euros ao financiamento destas infraestruturas.

“Ourense non pode ficar atrás na construción dos novos equipamentos sanitarios”, demandou Blanco, xunto coa “posta en marcha dun plan xeral de reordenación, modernización e mellora da rede de centros de saúde de Atención Primaria”, criticando que o PP “utilice unha iniciativa nesta mesma Comisión para anunciar de novo os centros de saúde de Barbadás, Pontedeva, Paderne de Allariz e Pereiro de Aguiar, que, se se tratase do número de anuncios, xa estarían preinaugurados, inaugurados e postinaugurados, intentando tapar as eivas na capital da provincia”.

Tags: , , , , , , , , , ,