Esiximos a dimisión da Delegada da Xunta por cómplice do incumprimento da inhabilitación do ex-alcalde de Melón

 

A vicevoceira do Grupo Socialista no Parlamento galego e deputada pola nosa provincia, Noela Blanco, reclamou hoxe a dimisión da delegada da Xunta en Ourense por ser “cómplice do incumprimento da sentenza xudicial que inhabilita ao ex-alcalde de Melón ata o 2021”. Así o dixo logo de constatar que o ex-alcalde e a actual alcaldesa, que ademais é a súa esposa, foron recibidos onte nun despacho oficial pola Delegada.

Blanco considera “gravísimo que, no exercicio das súas funcións, Marisol Díaz se reunira co ex-alcalde para tratar asuntos deste Concello, a pesares de estar inhabilitado para exercer cargo público”, e sinala que dita recepción amosa que a representante da Xunta é “cómplice do incumprimento dunha sentenza xudicial”, constatándose ademais “que, como vimos denunciando os socialistas, é público e notorio que Pardellas segue liderando o goberno de Melón na sombra”.

O ex rexedor foi inhabilitado para o exercicio de cargo público durante oito anos e medio por prevaricación ao autorizar un polideportivo a 75 metros do mosteiro cisterciense de Santa María.

 

Tags: , , , , , ,