O PSdeG de Ramirás ve satisfeita a súa esixencia de rexeitamento municipal ao peche dunha oficina bancaria

16/02/2017
By

O grupo socialista de Ramirás acadou onte a unanimidade do pleno do Concello para defende-la permanencia dunha oficina de Abanca no municipio. Ante a inacción do Alcalde e do PP, que non fixeron ren ata que os socialistas se puxeron do lado dos veciños, indignados coa decisión de bota-lo cadeado á sucursal, e tralas numerosísimas queixas por este novo ataque ós servizos no rural, os socialistas de Ramirás reclamaron a celebración dun pleno extraordinario do Concello.

Grazas á iniciativa dos socialistas de Ramirás, no pleno aprobouse un punto único que vai encamiñado a exercer tódalas accións que sexan necesarias, empregando tódolos recursos dispoñibles, para mante-lo servizo da oficina bancaria no pobo, evitando desprazamentos innecesarios para os veciños. Ademais, acordouse que se establezan contactos con todas as Administracións (Xunta, Deputación), o envío de solicitudes a tódolos organismos competentes, e a recollida de sinaturas de tódolos afectados por esta decisión.

Dende o Grupo Municipal Socialista lembran que este peche non só afecta aos particulares senón tamén ás Pemes, empresas e negocios radicados en Ramirás que fan os seus trámites nesta sucursal bancaria, polo que o peche lles ocasionaría un grave prexuízo, ao teren que desprazarse a face-las súas xestións a outras localidades, coa perda de atractivo que iso supón á hora da implantación de novos negocios. Xa que logo, os responsables do peche teñen que ter en conta o prexuízo que supón, para o seu negocio, que importantes activos financeiros marchen para outras entidades.

Os compañeiros membros do Grupo Municipal Socialista cren que a decisión de Abanca –que finalmente optou por abri-la oficina do número 43 da estrada de Villavidal unicamente dous días a semana– segue a supor o que, na argumentación que aportaron ao solicitaren, no seu día, a convocatoria deste pleno, xa definían como “un grave prexuízo, xa que a veciñanza terase que desprazar a outras localidades para face-las súas xestións bancarias pare ser atendida de xeito presencial”, nun territorio cunha “estrutura poboacional con idades moi avanzadas, e deficiente acceso a Internet”, que “dificultan moito a realización de trámites” on-line

Os socialistas consideramos que “os veciños e veciñas de Ramirás merecen atención personalizada”, e que, en xeral, coa perda deste tipo de servizos só se afonda na perda de calidade de vida, o que se traduce nunha perda continuada de poboación, facendo que os pobos esmorezan. A política do Alcalde de Ramirás só fai que se perpetúe esta agonía. Tamén lembran que Abanca é unha entidade bancaria “rescatada” no 2011 con 9000 millóns de euros públicos.

Tódalas persoas interesadas en asinar contra o peche poderán facelo na propia casa do Concello de Ramirás, xa que, grazas ao liderado dos socialistas, toda a Corporación se comprometeu a facer todo o que sexa posíbel para deter este agravio á veciñanza. A pesares da inacción do Alcalde, que sabía do peche dende hai meses, a mobilización dos veciños fixo posíbel que se adoptase unha postura común contra da perda dun servizo fundamental.

Dende o Grupo Municipal Socialista demándase ao Alcalde que abandone a pasividade e indolencia das que fixo gala durante todo este proceso, se faga responsábel dos desafíos que ten que afrontar Ramirás, e defenda os intereses dos veciños. Vén sendo hora de que asuma o mandato que lle foi encomendado e dea a cara polos veciños e veciñas do concello de Ramirás.

Tags: , , , , , , , ,