Os socialistas de Boborás mobilízanse novamente para que o goberno local arranxe os camiños calamitosos da aldea de cima de Pazos de Arenteiro.

15/02/2017
By

Os veciños e veciñas da aldea de arriba de Pazos de Arenteiro aseguran estar marxinados con respecto á aldea de abaixo na que se fixeron obras e numerosos arranxos

 Membros do PSdeG-PSOE deste municipio ourensán recolleron novamente sinaturas da maioría da veciñanza indignada coa falta de feitos do goberno local do PP

2017-02-15-PHOTO-00001284

Ourense, 14 de febreiro de 2017. Os socialistas de Boborás mobilizáronse novamente nos últimos días para reclamar o inmediato arranxo dos calamitosos camiños da aldea de arriba de Pazos de Arenteiro, que o goberno local do PP prometeu arranxar hai meses. Mais polo de agora, e a pesar do empeoramento do estado das sendas, que no inverno son máis inseguras, non hai feitos. Ademais, polo que puideron saber os socialistas, os populares tampouco teñen intención de facer nada porque lles parece, segundo as súas propias verbas, que os camiños están perfectos.

Os habitantes desta aldea están indignados co trato que están a recibir do goberno local, que traballou activamente na aldea de abaixo, pero non fixo nada na aldea de arriba. E tralas asombrosas palabras da concelleira do PP, Patricia Torres, que asegurou que os camiños están “en perfectas condicións”, os socialistas póñense, unha vez máis, do lado dos veciños, veciñas e da verdade, cunha nova recollida as sinaturas.

A disposición da veciñanza da aldea de arriba para facer os necesarios arranxos é absoluta, xa que incluso teñen cedidos numerosos muros para as obras prometidas en numerosas ocasións polos concelleiros do goberno local. De feito, os veciños e veciñas, en abrumadora maioría, participaron na recollida de sinaturas iniciada por Javier Lamas, Secretario Xeral da Agrupación Socialista e os seus compañeiros/as, reclamando igualdade de trato e atención á súa problemática. Dende o PSdeG-PSOE de Boborás indican que van rexistrar as sinaturas no concello para que, tanto o alcalde coma o seu equipo de goberno, teñan constancia por escrito do malestar da veciñanza e non se dediquen a desmentir o evidente.

Dáse a circunstancia, como recorda Javier Lamas, que na aldea de arriba de Pazos vive xente de avanzada idade, co risco que comporta para a súa seguridade, andar por camiños en estado ruinoso, que se anegan con facilidade e polos que pasan verdadeiras riadas durante os meses de choiva. Coas sinaturas, os veciños e veciñas reclaman que remate o abandono ao que están sometidos por parte do equipo de goberno municipal.

Tags: , , , , , , , ,