Noela Blanco esixe á Conselleira que a Xunta interveña para impedir que varias estacións de tren se convirtan en “estacións-pantasma”

Noela Blanco

A nosa deputada no parlamento de Galicia, Noela Blanco preguntoulle ao goberno galego se ten realizado algunha xestión diante do goberno central para mante-lo servizo de venda de billetes en tódalas estacións de ferrocarril da comunidade, ante o risco de que se convertan en “estacións-pantasma”, noutro caso de marxinación ao medio rural, con case 200 000 cidadáns afectados en toda Galicia, uns 70 000 deles na nosa provincia, aos que obrigan a “baixarse do tren do progreso”.

A compañeira alertou de que, segundo alerta o persoal ferroviario, sete estacións de tren en toda Galicia, catro delas en Ourense (Ribadavia, O Barco de Valdeorras, A Rúa-Petín e Carballiño), perigan no novo plan ferroviario de Renfe e Adif para reestruturar neste ano o seu servizo de vendas, “deixando importantes núcleos de poboación sen servizo presencial de información e venda de billetes, e implicando, nalgúns casos, o peche das que fiquen sen persoal”, e lembrou que, en moitos casos, estes servizos serven para “fixar poboación” en zonas “especialmente envellecidas”.

A deputada lembroulle á conselleira de Infraestruturas a “responsabilidade moral e de goberno” que ten a Xunta fronte ás decisións do goberno central, e destacou que, para cadansúas comarcas, estas estacións son “vitais dende os puntos de vista social, económico, cultural” e, en casos como o da de Ribadavia, incluso arquitectónico; e, por todo iso, reclamou contactos urxentes para impedi-lo peche destes servizos.

Blanco tamén lle lembrou á conselleira que nalgunhas destas zonas “a poboación maior de sesenta e cinco anos multiplica por tres á menor de quince” e que “nalgúns casos nin sequera hai cobertura” para usar Internet, tras suxeri-la Xunta o uso desta vía para a compra de billetes.

O Grupo Socialista na Deputación, pola súa banda, estima que uns 103 000 viaxeiros usaron o ano pasado as devanditas catro estacións afectadas en Ourense, lembra que un proceso semellante aconteceu en case tódalas estacións da liña entre a cidade e Zamora e que o propio grupo alertou, hai un mes, deste “intolerábel ataque ás infraestruturas da provincia “, e anuncia estar a traballar “nunha estratexia conxunta cos socialistas das comarcas afectadas”.

Tags: , , , , , , , , ,