Esiximos ao conselleiro de Sanidade “medidas urxentes” ante o novo colapso no CHUO causado por unha “nefasta previsión” da súa Xerencia

03/01/2017
By

A nosa deputada no Parlamento galego, Noela Blanco, reiterou a petición de destitución da xerente do CHUO, Eloína Núñez pola súa “incompetencia e inacción reiterada”, e esixiu ao Conselleiro a adopción de “medidas urxentes” no CHUO despois de que onte se rexistrase un novo colapso nas instalacións, o segundo nunha semana, con esperas de ata dez horas para os pacientes e falta de persoal e ata de camillas para poder atendelos.

Blanco destaca a “nefasta previsión” da Xerencia, nunhas datas nas que é habitual que se produza un pico de actividade, e a pesar das reiteradas advertencias dos socialistas; e apunta tamén á responsabilidade directa do conselleiro, Vázquez Almuíña, quen negou a necesidade de reforzos no complexo tras unha pregunta parlamentaria da nosa compañeira.

Precisamente a falta dos reforzos médicos necesarios no Complexo, sumado a que nestas datas festivas non se susbtituíu aos médicos de Atención Primaria (o que provoca que os enfermos acudan a Urxencias), foi o que provocou este novo colapso. Esta saturación derivou, ademais, nun alto nivel de estrés nos traballadores do CHUO, que, como denuncia a deputada, “son os que están a sacar adiante o CHUO co seu traballo nunhas condicións inaceptables, e ante a situación de parálise da súa Xerencia”.

Tags: , , , , , ,