Reclamamos a dimisión de Baltar Blanco, absolutamente incapaz de defenderse en sede parlamentaria dos feitos polos que foi imputado pola Xustiza

Noela-Blanco-1

A vicevoceira do Grupo Socialista no Parlamento galego e deputada pola nosa provincia, Noela Blanco, reclamou hoxe a dimisión do presidente da Deputación de Ourense polo seu “desprezo absoluto á institución que preside e a todos os ourensáns”. Así o dixo na presentación en Comisión parlamentaria dos orzamentos da institución provincial.

A compañeira tamén destacou o feito de que a Deputación de Ourense teña destinado 5 millóns de euros á implantación dunha “administración electrónica” que “custa 700 000 en Pontevedra”, repartindo 14 000€ a cada concello “independentemente do seu tamaño, cando hai pequenos municipios que cobren o servizo por 5 000”.

Blanco acusou ao presidente da Deputación de actuar como “o señor dun castelo medieval”, e instou aos responsables do PP e do goberno galego a tomar “decisións políticas” contra un cargo “imputado por un presunto caso de acoso sexual”. Lembrou que hai 411 días que coñeciamos “a denuncia dunha muller por ofrecerlle traballo na Deputación a cambio de sexo”.

A compañeira censurou as respostas tanto de Baltar Blanco como do propio presidente da Xunta, vitimizando ao presunto acosador e culpabilizando á vítima, cualificándoas de “preocupante e perigoso pola mensaxe que dá a tódalas mulleres que se atopen nesta situación”, co risco de que “poidan replantexarse as denuncias ante o medo e a incomprensión”.

A compañeira criticou tamén a xestión do ente provincial por parte do PP, que o converteu “na deputación galega con máis gasto en órganos de goberno”, logo de subir un 8,8% a partida orzamentaria de persoal, adicando a este fin o 60% dos seus fondos. A Deputación de Ourense supera en 30 puntos o gasto en persoal da d’A Coruña, e é a que menos destina a investimentos: un 23,4%, fronte ao 33,7% da de Lugo.

Ademais, é a Deputación que menos destina á protección e promoción social: un 7% fronte ao 12 da de Pontevedra ou ao 15 da de Lugo, mentres no último mes a nosa provincia vén de sumar 30 novos desempregados por día, ata acadar un total de 21 922.

A nosa deputada criticou ademais o gasto de 300 000€ na visita dunha delegación de empresarios norteamericanos recibidos cun dispendio de gaiteiros, boa comida e visitas a lugares emblemáticos, e comparou esta “actuación” de Baltar Blanco coa do “alcalde xordo do filme Benvido Mr. Marshall”, ante a profunda crise política e económica que o rodea .

Tags: , , , , , , , , , , ,