Reclamamos no Parlamento o cese da Xerente do CHUO

A vicevoceira do Grupo Socialista no Parlamento galego e deputada pola nosa provincia, Noela Blanco, reclamou hoxe ao conselleiro de Sanidade, na sesión de control ao goberno galego, que “cese dunha vez por todas, e deixe de protexer, á xerente do CHUO”. Blanco tamén reclamou ao Conselleiro que mantivese un encontro coa xunta de Persoal do Complexo para analiza-la saturación das súas Urxencias, así como as súas eivas materiais e de persoal, ou os retrasos na súa ampliación.

A compañeira comparou á “incompetencia” da xerente do CHUO, Eloína Núñez, cunha “enfermidade que está a se cronificar” por canto “pilota todo pero non conduce absolutamente a nada”, ironizando coa expresión “prima de risco”, en alusión ao parentesco entre Núñez e o presidente da Xunta. O seu balance resúmese en “colapsos sanitarios, faltas ao dereito á intimidade de pacientes que son atendidos en corredores a quince centímetros doutros doentes, e pacientes ingresados en cardioloxía que rematan en Urxencias como práctica habitual”.

Blanco tamén responsabilizou á xerente do CHUO da “sobrecarga física e mental dos profesionais sometidos a contratos de dúas horas ou cambios de ubicación”.

A pregunta parlamentaria foi presentada pola deputada logo dos recentes episodios de saturación das Urxencias rexistradas no CHUO dende novembro, chegando a “abrir a Sala de Tránsito e a Unidade de Preingreso sen estar dotadas de infraestruturas nin medidas de hixiene acaídas, mentres manteñen pechadas unidades no Hospital ‘Santa María Nai’, así como a planta do Hospital de Piñor prevista teoricamente para picos de actividade e a ampliación” do edificio Cristal, cuxa apertura estaba prevista para hai dous anos, e que se continúa adiando.

Tags: , , , , , ,