Denunciamos o desleixo do goberno municipal de Leiro, exemplificado no atraso no asfaltado da estrada OU-307 e na perda polo Concello dunha subvención para a adquisición de desfibriladores

Na súa calidade de deputado provincial pola comarca d’O Ribeiro, Nacho Gómez levou á Deputación a denuncia dos compañeiros do Grupo Municipal Socialista no Concello de Leiro, verbo a ausencia de asfaltado, dende hai dous anos e medio, en tramos da estrada provincial OU-0307 que une Leiro e Berán.

Os compañeiros de Leiro explicaron que no lugar d’A Agra se procedera, no 2014, á ampliación dunhas curvas na devandita estrada, intervención que consistiu en amplia-lo radio das mesmas e na colocación de sábrego como firme. Pero dende entón, o tramo segue sen ser asfaltado, co conseguinte risco para a circulación e para a integridade dos veciños e de tódolos usuarios da estrada.

Por aquel entón, o Grupo Municipal Socialista en Leiro lle preguntou ao alcalde, en Pleno, cando se ía proceder ao asfaltado destas perigosas curvas, ao que o rexedor respostou que estaba “en negociacións coa Deputación”. Dende entón, nada se sabe destas e a vía segue en condicións de provisionalidade.

Fartos desta situación de desleixo, os socialistas de Leiro deron traslado ao Grupo Provincial Socialista. Nacho Gómez solicitou explicacións sobre o problema na institución provincial, que é competente no tema. A falta destas, Gómez opina: “esta cuestión non é máis que a evidencia do que veño denunciando en numerosas ocasións: a falta dun plan de estradas provincial rigoroso e serio”, abundando que “ano tras ano, fan pequenas obras e reformas nas estradas que, lonxe de solucionar, xeran problemas aínda meirandes”.

Xa que logo, os socialistas de Leiro piden ao alcalde que explique en qué consistiron as súas xestións coa Deputación para solucionar o problema e, a maiores, o Grupo Provincial Socialista demanda que se informe acerca de cándo está prevista solución dun problema que xera un grave risco para os usuarios da estrada.

Por outra banda, e sen saírmos de Leiro, o noso Grupo Municipal neste municipio tamén vén de informar acerca de que o Concello acaba de perde-la oportunidade de recibir unha axuda para adquirir desfibriladores para seren instalados en lugares públicos. Ao contrario que outros concellos da contorna, o alcalde desaproveitou esta oportunidade que brindaba a Deputación, e non solicitou unha axuda que supoña o financiamento de ata 50% do custo dos destes aparellos. Así, ao contrario que Ribadavia, Melón ou Carballiño, Leiro fica sen subvención para adquirir uns dispositivos que resultan de grande axuda á hora de salvar vidas.

O voceiro municipal socialista, Manuel Rodríguez, esíxelle ao alcalde que dea as razóns da perda desta axuda: se foi por por puro desleixo ou porque coida que o Concello estea tan sobrado de cartos que pense adquirilos sen axuda económica.

E no semella que probábel caso de que a causa da omisión sexa, como os propios socialistas de Leiro veñen advertindo dende hai tempo, a falta de persoal, o panorama sería aínda peor, pois Francisco J. Fernández estaría a ignorar completamente ditas advertencias por pura teima persoal: o alcalde estaría a perder vantaxes e servizos para o pobo, antes que recoñecer unha evidencia

Manuel Rodríguez só agarda que a perda desta subvención non leve aparexada, irremediábelmente, a falta de adquisición dos aparellos, a cal xa fora solicitada polo Grupo Municipal Socialista antes incluso de que se convocase a axuda da Deputación, respostando daquela o alcalde que se disporía dos dispositivos “cando houbera dispoñibilidade” orzamentaria.

WhatsApp Image 2016-12-05 at 18.39.33

Tags: , , , , , , , ,