Demandamos a destitución de Eloína Núñez dadas as súas incompetencia e inacción ante o novo colapso de Urxencias do CHUO

Noela-Blanco-1

A nosa deputada no Parlamento galego Noela Blanco denuncia “o novo colapso” no servizo de urxencias do CHUO, sen que a Xerencia do Complexo teña habilitado ningún plan, e mentres no centro “hai varias unidades pechadas e unha falta de persoal e de recursos alarmante”; polo que pide a destitución da xerente, Eloína Núñez, pola súa “incompetencia e inacción reiteradas”.

Blanco presentará iniciativas no Parlamento sobre a situación sanitaria no CHUO, e reclama “que se utilicen as unidades que se atopan pechadas” e “que se teñan convenientemente preparados e organizados os espazos físicos e os recursos de persoal” cos que se reforcen estas unidades habitualmente pechadas. A deputada denuncia tamén que a ratio de persoal sanitario nas dependencias de Urxencias é moito menor do recomendado polas sociedades científicas, pola OCDE e polo propio Ministerio de Sanidade.

“A xerencia ten optado hai tempo pola inacción e a falta de estratexia de xestión, dirección e organización”, lamenta a deputada, que esixe responsabilidades ante a deficiente calidade da atención recibida polos pacientes nos últimos días, que estiveron amoreados nas dependencias hospitalarias, co consecuente risco para a súa saúde, nun centro que funciona “grazas aos profesionais sanitarios que, a base de profesionalidade, adicación e esforzo, intentan suplir unha importante carencia de medios e de xestión”.

Tags: , , , ,