Os socialistas de Xinzo denuncian o cobro de recibos do lixo con anos de retraso

Elvira lama, voceira do Grupo Municipal Socialista no Concello de Xinzo e deputada provincial socialista, fíxose eco da indignación de numerosos veciños de Xinzo, tras seren notificados de novos recibos de lixo que se lles reclaman con anos de atraso.

Despois das consultas realizadas, confírmase a emisión de 1470 novas altas no catastro, o que está a provocar que numerosos veciños estean recibindo notificación da taxa do lixo do ano en curso e de anos anteriores. Moitos nin sequera foron notificados das novas altas levadas a cabo pola revisión do catastro no Concello de Xinzo, logo de que se producise unha nova inspección o ano pasado.

O recibo do lixo do Concello de Xinzo está regulado na ordenanza nº 8, aprobada no 2014 cunha cota de 54,04€ para o casco urbán da vila, e de 44,95€ no resto do concello; recibos que chegan multiplicados en función das novas altas que se fixeron, e polo IPC anual correspondente.

Os socialistas de Xinzo tamén denunciaron que están a ser gravadas construcións que non teñen a categoría de vivenda ou uso residencial, dándose casos nos que un mesmo inmoble está pagando dous recibos de lixo, e mesmo chegan recibos relativos a alpendres e palleiras; polo que a lóxica indignación dos veciños vai en aumento, máxime nos casos daqueles que se ven obrigados a ausentarse do seu posto de traballo para xestionar reclamacións.

Dende o Grupo Socialista de Xinzo demándase un maior control nos servizos de recadación, tanto no Concello como na Deputación xa que, aínda que esta última emite os recibos, estes están feitos en base aos datos que lle envía o Concello; e demándaselle ao Alcalde que solicite o servizo da Deputación á hora de asesorar aos veciños para faceren as súas reclamacións e xestiona-las exencións e bonificacións se procede, evitándolles o desprazamento á cidade para realizaren estes trámites.

Tags: , , ,