Os Socialistas da comarca do Carballiño acoden á área afectada polo incendio que sacudiu ao Concello de Boborás, na semana pasada.

19/09/2016
By

Dende Brués, esixen un cambio inmediato na política forestal e de loita contra os incendios da Xunta, baseada na extinción e non na prevención.

A candidata ao Parlamento de Galicia, María Quintas, declarou que: “Galicia rexistra a metade dos incendios forestais do Estado e Ourense, en concreto, a metade dos de Galicia, namentres isto acontece, a Xunta segue sen desenvolver políticas activas de aproveitamento dos nosos montes”.

IMG_5830

O sábado pasado, pola tarde, os compañeiros e compañeiras da Agrupación Socialista de Boborás, convidaron ao resto dos compañeiros  da comarca do Carballiño así coma á candidata ao Parlamento de Galicia e S.O. provincial, María Quintas a realizar un recoñecemento da área afecta polo gran lume que afectou á zona de Brués, entre outros lugares do Concello de Boborás, na semana pasada. A desolación que produce a visión da zona arrasada polas lapas só é comparable ao pánico que experimentaron os veciños e veciñas da zona. O lume chegou a estar ao pé das casas e vivíronse escenas de verdadeiro perigo para a poboación. Tal como denunciaron dende a Agrupación Socialista de Boborás, os medios de extinción tardaron unhas 3 horas en chegar ao lugar do incendio, desbordados, nesa mesma tarde, por numerosos lumes ao longo da provincia de Ourense, no que supuxeron os peores días para o monte ourensán. De todos os xeitos, os socialistas de Boborás queren agradecer a todos os bombeiros forestais, brigadas e veciños/as que estiveron loitando contra o lume dende o primeiro minuto, no que pareceu un incendio claramente intencionado, á espera que se aclaren as causas. A desesperación foi absoluta e o risco moi alto para a integridade dos habitantes dos lugares afectados e para as vivendas e fincas da contorna. Como xa indicaron, dende o PSOE de Boborás, nos pasados días, non chega cun bando municipal que indique a necesidade de limpar o perímetro dos fogares, senón que se precisa unha política municipal máis activa que procure axuda alí onde os recursos propios non chegan e demande da Xunta asistencia na limpeza e roza da contorna, antes que chegue o período de alto risco de incendio. “A zona afectada causa un grande impacto e unha sensación absoluta de desolación e esiximos que se actúe dunha vez por todas e se adopten medidas de prevención e aproveitamento forestal dos nosos montes, no canto de lamentar as consecuencias”, indicou Francisco Fraga, deputado provincial presente onte pola tarde.

Pola súa banda, María Quintas, candidata ao Parlamento de Galicia por Ourense nestas vindeiras eleccións, declarou, baseada na súa experiencia como deputada autonómica, que: “A única política da Xunta de Galicia é a baseada na extinción. E, mesmo esta, está a sufrir unha fragmentación dende que Feijóo é Presidente, que a fai cada vez máis cara e inoperativa. Hoxe en día, no servizo de extinción traballan, o persoal da Xunta, SEAGA, Brigadas Municipais, GES e empresas privadas como INAER e NATURTECNIA. Trátase dun operativo totalmente ingobernable e carente de toda eficacia”. Tamén engadiu que a contratación de persoal de extinción de incendios perdeu a fin que debería ter e pasou a ser unha política de contratación pura e dura para os Concellos e para a Xunta. Estanse a empregar fondos europeos, destinados á prevención e á extinción, para, no mellor dos casos, ter patrullas de Protección Civil. Respecto da política de prevención, os socialistas manteñen que non existe coma tal, non hai nin unha planificación de cultivos forestais nin de ordenación do territorio. A Dirección Xeral gasta o seu orzamento en apagar os lumes, indican dende o PSOE, non en previlos nin en políticas sostibles, non se potencia a investigación nin se preocupan, dende a Xunta, en coñecer e detectar as causas para poder aportar solucións a un problema que acaba cos bens naturais da nosa terra.

Tal como explica María Quintas, Galicia rexistra a metade dos incendios forestais do Estado e Ourense, en concreto, a metade dos de Galicia, aumenta a superficie queimada e aumentan os incendios de máis de 500 Ha que son máis virulentos e perigosos para a poboación. Namentres esto acontece, o monte galego e, particularmente, o ourensán segue sen aproveitar e sen que os responsables políticos incentiven e favorezan este aproveitamento tan beneficioso para o medio ambiente e, tamén, para o desenvolvemento económico do nosos rural. A única política que fai este goberno de Feijóo é a da persecución mediática de incendiarios, mediática porque, na realidade, tampouco é efectiva. Galicia é unha das poucas Comunidades do Estado que nos últimos 5 anos baixa na súa superficie agraria útil, co que isto supón en termos de rendibilidade das explotacións e tamén para cobrar as axudas da PAC. A superficie das explotacións pechadas pasan ao abandono e non se transfiren as que quedan, posiblemente pola falta de incentivos e valorización do propio sector primario. Feijóo dixo, en numerosas ocasións, que este era o gran problema do país, nembargante, non puxo en marcha ningún tipo de medida para corrixilo.

En conclusión, os socialistas denuncian que, no eido dos lumes forestais, estase a confiar todo na extinción e, concretamente, nos medios aéreos privados, caros e cada vez menos operativos xa que co arborado e a altura do matorral, a auga que descargan non é, totalmente, efectiva. As pistas e camiños deberían estar limpos e con faixas auxiliares ás beiras pero están con matorral alto, o que produce que , en época de seca, actúen como verdadeiro combustible e lle dean continuidade ao lume. Os e as socialistas da comarca do Carballiño esixen un cambio na política forestal da Xunta, cada vez máis enfocada á privatización de medios de extinción e menos á prevención e aproveitamento da nosa superficie de monte. É intolerable, rematan, que ano tras ano se vivan sucesos coma o acontecido en Boborás e que afecten ao benestar dos veciños e veciñas, de nada serve lamentar senón se lle pon solución previa.

 

Tags: , , , , , , , , , , , ,