A Agrupación Socialista de Ramirás denuncia perante a Garda Civil que lle racharon as faixas de propaganda electoral que colocaron con motivo das eleccións autonómicas.

18/09/2016
By

2016-09-12-PHOTO-00000252

A Agrupación Socialista de Ramirás, vén de denunciar, no día de onte, perante a Garda Civil, uns feitos que atentan, segundo o seu criterio, contra a liberdade democrática. O pasado 12 de setembro, os membros da agrupación caeron na conta que as faixas que colocaran nas marxes da estrada OU-531, aproximadamente á altura dos quilómetros 35 e 37,5, estaban rachadas no que parece unha acción, claramente, intencionada. Así pois, en virtude da defensa dos seus dereitos democráticos e da liberdade á hora de pedir o voto para o Partido Socialista, dende a Agrupación de Ramirás consideran que se debe por en coñecemento das autoridades estes feitos deleznables. A denuncia foi interposta contra autor ou autores descoñecidos, confiando en que aparezan os culpables posto que o Concello é pequeno e non parece complicado que se saiba quen pode ter animadversión contra o Partido Socialista, que, puido gobernar o Concello nas pasadas municipais .

Os membros da Agrupación Socialista confían no labor das forzas da autoridade á hora de descubrir ao/aos culpables de tal desfeita que, ademais, dun custo económico de reposición, ten un custo moral para as persoas con ideoloxía socialista. Non é de recibo, relatan dende a Agrupación, que nestes tempos de democracia se lle falte ao respecto a unhas das liberdades que máis custou acadar na sociedade española: a de voto. Hai formas ben máis democráticas de confrontar as distintas ideas políticas que non sexa atentando contra os bens e a propaganda electoral dun partido legalmente constituído, con tantos anos de historia e que exerce o seu dereito a pedir voto en todos os recunchos da nosa provincia nos que queren facer chegar o seu ideario de xustiza social. Vindo da historia que vimos, como pobo, de 40 anos de represión fascista, é incrible que a día de hoxe, aínda exista xente que pretende amordazar as diferenzas ideolóxicas pola brava. En aras da defensa da liberdade de expresión e do dereito a pedir o voto, os socialistas de Ramirás confían en que este feo asunto se resolva e impida que ningunha forza política teña que sufrir a mesma agresión.

Tags: , , , , , , ,