A Agrupación Socialista de Boborás achega máis de 200 sinaturas, diante do Rexistro da Deputación, esixindo o remate inmediato das obras na OU-0415.

17/09/2016
By

OS SOCIALISTAS DE BOBORÁS, FANSE ECO DAS NUMEROSAS QUEIXAS VECIÑAIS, DE USUARIOS E AFECTADOS, ALERTADOS POLA ALTA PERIGOSIDADE DADO O ESTADO DE INSEGURIDADE NO QUE SE ATOPA A ESTRADA

2016-09-16-PHOTO-00000607

A Agrupación Socialista de Boborás cumpre co prometido hai uns días, cando anunciaron a recollida de sinaturas entre a veciñanza, usuarios/as e afectados/as para esixir o urxente remate total das obras na estrada provincial OU-415 entre Brués e Feás. Así pois, hoxe pola mañá, o SX da Agrupación, Javier Lamas, fixo entrega de máis de 200 sinaturas recollidas entre os veciños e veciñas, tanto de Boborás coma da comarca, xa que se trata dunha vía de uso prioritario. Deste xeito, o SX da Agrupación e o Secretario de Organización, Amador Pérez, acudiron ao Rexistro da Deputación provincial, titular da estrada, acompañados polo deputado provincial da zona, Francisco J. Fraga, quen xa leva meses denunciando a lamentable situación que lle trasladan os seus compañeiros de Boborás. No escrito presentado, os asinantes esixen da Deputación o remate inmediato das obras proxectadas e o arranxo total da estrada, nestes intres, insegura e perigosa para os usuarios/as.

Dáse a circunstancia que os veciños e veciñas de Boborás levan agardando máis de 20 anos ao remate dunhas obras que parecen o conto de nunca acabar e que dan moitos quebradeiros de cabeza a quen as transita. O anuncio recorrente dun remate que non chega nunca, fai que a estrada estea permanentemente en obras, que dificultan o tránsito e aminoran, sensiblemente, a seguridade da estrada. Xa hai 8 anos, no 2008, que se anunciaba que a reforma da estrada se ía finalizar tras 20 anos de obras (LR 14/03/2008) e pasado todo este tempo, os usuarios/as seguen agardando. Parece, como ben din dende a Agrupación Socialista, que estes anuncios coinciden sempre con citas electorais, polo que agardan que desta volta, tanto o Concello coma a Deputación, o tomen en realmente en serio e non pequen de oportunismo político.

Tal como destaca Francisco Fraga, trátase dunha vía principal, non só polo seu carácter provincial  do servizo tan amplo que dá a toda a zona, senón porque conecta aos usuarios de Ourense coa provincia de Pontevedra, sendo de vital importancia asegurar o menor risco para os mesmos, cousa que non se está a producir. A ou-415 é unha estrada vital para comunicar e artellar unha parte moi ampla do Concello de Boborás e, ademais, supón unha alternativa ao paso do Alto do Paraño; polo que non é de recibo que estea nas condicións actuais. A este respecto, Javier Lamas, engade que o estado permanente de obras favorece a sinistralidade, sendo varios os casos de accidente que se deron na zona nos derradeiros tempos.

A Agrupación Socialista de Boborás quere destacar que non só recolleron sinaturas para seren entregadas senón o malestar da xente que está farta de aturar esta rexeitable situación. Os afectados e afectadas merecen ser escoitados na institución provincial e, sobre todo, no Concello de Boborás. Tendo en conta as queixas recibidas, os socialistas, solicítanlle ao goberno do PP de Boborás que, dunha vez por todas, esixa á Deputación de Ourense que se remate, de xeito total e non parcial, coas infinitas obras que afectan á OU-415 e, sobre todo, ao benestar, seguridade e tranquilidade da veciñanza e usuarios/as.

Tags: , , , , , , , , , , ,