A deputada provincial socialista, Isabel Gil, aproveita a visita de Eloína Núñez ao centro de saúde de Celanova, para esixirlle que adquira o compromiso de ampliación do PAC, pola que levan agardando 15 anos.

08/09/2016
By

A deputada provincial polo partido xudicial de Celanova e portavoz socialista en Ramirás, Isabel Gil, tivo a oportunidade, exercendo a súa profesión como médico de familia no Centro de Saúde de Celanova de reivindicar as carencias ante a Xerente de Xestión Integrada de Ourense, Verín e Valdeorras, Eloína Núñez, na visita que está fixo ao ambulatorio da localidade, onte pola mañá. A curmá de Feijóo e máxima responsable do SERGAS na provincia de Ourense, acudiu ao centro de saúde de Celanova, nunha visita de claro corte electoralista, acompañada polo Alcalde do municipio e mais polo responsable de Recursos Económicos da Xerencia da Xestión Integrada de Ourense, Alberto Pedrera; nesta ocasión para, a escasos días do comezo da campaña electoral das autonómicas, dar os parabéns ás obras do teito que se están a realizar no centro.

Máis aló da clara intención de publicitar o traballo feito polo actual goberno da Xunta, do PP, nunha práctica cando menos sospeitosa pola acercamento da cita electoral; os e as sanitarios/as que desenvolven o seu labor no ambulatorio tiveron a ben achegarse a estes máximos responsables dos servizos de saúde en Ourense para facerlle chegar as súas xustas reclamacións de mellora do servizo que prestan e das instalacións nas que traballan.

Nesta ocasión, Isabel Gil, quen desempeña tarefas de medicina de familia así coma gardas e atención de urxencias, acompañou a varios compañeiros, que se achegaron a Eloína Núñez e lle fixeron saber que levan 15 anos agardando a que se solucione a precaria situación na que se atopa o PAC (Punto de Atención Continuada-urxencias) que atende a, nada menos, que 10 Concellos da contorna.

A doutora e deputada provincial explicoulle á xerente do SERGAS que acometen o seu labor nunhas condicións intolerables, sen salas de consultas habilitadas, tendo que atender aos enfermos que van a urxencias nas salas destinadas a raios X e a fisioterapia, sen que estean debidamente acondicionadas e habilitadas para elo. Os pacientes que acoden ao servizo de urxencias de Celanova teñen que soportar que se lles aplique un tratamento, como pode ser unha nebulización ou un soro, e agardar no corredor namentres os dous médicos e enfermeira do PAC, van atendendo a outros enfermos. Os sanitarios de Celanova din estar fartos desta embarazosa situación na que non se asegura a privacidade e intimidade do paciente ademais de non poder exercer o seu traballo nunhas mínimas condicións.

As consultas que empregan para urxencias non están dotadas nin do máis básico, como pode ser un lavabo ou un espazo de aplicación de tratamentos. Hai xa 15 anos que se reivindicou, por parte do persoal do centro de saúde, a ampliación do PAC e, neste tempo, o goberno galego non foi quen de cumprir con esta necesidade imperiosa. Isabel Gil, como afectada directa, fíxolle chegar esta petición a Eloína Núñez e instouna a que adquirira o compromiso dunha vez por todas. A deputada di que a xente está cansa de promesas baleiras e actos faltos de contido con intereses puramente electoralistas e que, na realidade, o partido que máis tempo leva ostentando o poder en Galicia e Ourense, o Partido Popular, non cumpra coas necesidades da cidadanía. Así mesmo, opina, que esta ampliación do PAC de Celanova, beneficiaría á propia xestión integrada de Ourense posto que, moitas veces, vense obrigados a derivar os casos a Ourense ante a ausencia de espazos habilitados para atender tratamentos e observacións. No caso de existiren estes espazos, dende Celanova, poderíase contribuír a desconxestionar o servizo de urxencias do CHUO, conclúe a deputada socialista.

Aproveitando a presenza do Alcalde e do xestor económico do SERGAS en Ourense, Isabel Gil tamén lles fixo chegar unha reivindicación histórica dos sanitarios que teñen que desempeñar o seu labor no centro de Celanova. Os médicos alí adscritos teñen que facer domicilios na vila e, moitas veces, deixan os aparcamentos libres e ao seu regreso xa están ocupados, obrigándoos a perder tempo procurando aparcamento. Así mesmo, cando van a atender nos fogares dos enfermos, teñen que deixar o vehículo mal aparcado ou en zonas non habilitadas e cargan coas conseguintes multas.

Tal como relata Isabel Gil, se tivesen unhas tarxetas de aparcamento, poderían desenvolver mellor o seu traballo sen preocuparse polo sitio ou as sancións. O labor que desempeñan nas atencións a domicilio é vital para a cidadanía e, polo tanto, as administracións local e autonómica deberían facilitar este traballo cos medios necesarios. O tema do aparcamento non só afecta aos doutores e doutoras senón a resto do persoal sanitario que traballa en Celanova e, nomeadamente, ao persoal das ambulancias. A falta de lugares e as propias características do centro, fan que teñan que aparcar os vehículos enriba da beirarrúa para poder atender, con prestancia, as emerxencias. O mesmo acontece cando acoden pacientes en cadeiras de rodas, tanto en vehículos privados coma nas ambulancias, ou ben os teñen que deixar na propia beirarrúa e ir procurar aparcamento ou teñen que subirse e facer un mal aparcamento.

Non é de recibo, reitera o persoal de Celanova, que se estean dando estas lamentables situacións e que os enfermos padezan as consecuencias, polo que demandan a habilitación inmediata de aparcamentos na zona, polo que reclaman o compromiso ineludible do Alcalde da localidade. Así mesmo, tal como lle trasladou a deputada provincial, é hora de que os servizos económicos do SERGAS teñan en conta as xustas reivindicacións dos médicos que fan domicilios e que precisan ver facilitados os seus desprazamentos.

Tags: , , , , , , , ,