Noela Blanco reclama á Xunta o impulso da apicultura, incluindo controis de colmeas para evita-la picaresca

29/06/2016
By

A nosa deputada no Parlamento galego Noela Blanco, presentou unha iniciativa parlamentaria para reclamarlle á Xunta unha batería de medidas para favorece-la apicultura, mellorando o control dos asentamentos e fomentando esta actividade entre os novos emprendedores.

A deputada denunciou a existencia reiterada de casos que vulneran a normativa que regula a distribución das colmeas cunha “picaresca” que resulta lesiva para os produtores galegos. Os socialistas reclamamos unha regulación estrita de distancias entre asentamentos, de mais de 1 quilómetro de radio excluíndo aos apiarios de autoconsumo. A normativa actual sitúa en tres quilómetros a distancia que deben garda-los apicultores trashumantes para evitar saturar os nosos montes con colmeas procedentes doutras partes do Estado. Porén, hai casos nos que “estas distancias non son respectadas”.

Blanco propón aplicar, en colaboración cos concellos, medidas dirixidas a favorece-la apicultura entre os veciños, de xeito que “só no caso de non haber interese na actividade polas persoas do lugar, se podan introducirse apicultores foráneos, dun xeito controlado e racional, e cumprindo coa normativa vixente”.

A nosa deputada lembra que, a través da polinización, se contribúe ao mantemento da biodiversidade, sendo aquela vital para a agricultura, e que esta actividade forma parte do patrimonio agrícola europeo e das tradicións nacionais. Tamén sinala que a maioría de comarcas produtoras se atopan en Ourense, en Valdeorras, Trives e o Val do Bibei, estendéndose nos últimos anos ás comarcas d’A Limia e Terras de Celanova.

A compañeira explica que a rica e diversa floración de interese apícola, fai de Ourense un enclave ideal para a práctica desta actividade, ocupando o segundo lugar a nivel galego en numero de apicultores, cun grande número de colmeas. Incluso esta actividade se converte na principal en moitos casos de explotacións do rural. Así, o censo apícola provincial ascendeu as 40 000 colmeas no 2015, fronte as 21 190 no 1998.

Tags: , , , ,