A Xunta do PP tenta agochar un posíbel “pelotazo” do sogro de Baltar Blanco na venda dun Pazo a Mario Conde

A nosa deputada no Parlamento galego Noela Blanco, acusou á Xunta de “intentar agochar un posíbel “pelotazo” do sogro de Baltar Blanco e ex alcalde d’A Mezquita, Gabriel Caldelas, coa rehabilitación e venda da antiga casa reitoral de Chaguazoso ao ex-banqueiro, actualmente detido por fraude fiscal, Mario Conde.

Así o sostivo a nosa compañeira logo da resposta da Xunta a unha pregunta parlamentaria, contestación na que o goberno galego admite as irregularidades nas axudas concedidas para a rehabilitación do inmoble en 1998, ter confirmado a inactividade da reitoral no 2013, e ter sancionando ao titular do establecemento, que deberá devolve-las axudas públicas obtidas, por incumpri-la obriga de adica-lo inmoble a turismo rural durante os quince anos posteriores a ter recibido ditas axudas. Blanco reclama saber se a sanción que agora anuncia a Xunta “pretende se-la maquillaxe coa que tapar un posíbel ‘pelotazo’ da familia de Baltar”.

A deputada cre que, en realidade, o establecemento non estaba sendo adicado ao turismo rural, por moito que figurara na oferta turística da Xunta, alomenos dende o intre en que foi adquirido por Conde; e quere que a Xunta clarifique se foi adicado a ese fin mentres era propiedade do sogro de Baltar Blanco.

A compañeira reclamará, ademais, as facturas que aclaren se as axudas que Caldelas percibiu, un total de 490 000€ procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural -incluíndo 120 000€ da Administración autonómica-, se corresponden con gastos reais de rehabilitación das instalacións; e esíxelle á Xunta que clarifique, ademais, se a obriga de devolve-las axudas afecta tamén ao beneficiario inicial das mesmas, -o sogro de Baltar Blanco-, se a mesma incluirá tamén á contía recibida da UE, e se se lle ten dado conta desta situación ás autoridades comunitarias encargadas de loitar contra a fraude e a corrupción.

Asemade, a nosa deputada censura o “escurantismo” co que a Xunta ten tratado esta fraude ás arcas públicas, que o goberno galego agochou ata que os socialistas presentamos unha pregunta parlamentaria ao respecto; e considera que o goberno galego “debe aclarar se houbo algunha cooperación pola súa banda para que este persoeiro ocultara responsabilidades polos delictos que lle imputa a Audiencia Nacional”.

A compañeira reclama, pois, á Xunta, que “despexe tódalas dúbidas” sobre “calquera tipo de relación triangular de cooperación entre Baltar Blanco, Feijóo e Mario Conde” no referente á dita casa rural.

Tags: , , , , , , , , , , , , , ,