O Portavoz do Grupo Provincial Socialista, Nacho Gómez, esixe responsabilidades a Pablo Pérez pola utilización do local da Mancomunidade Terras de Celanova, por parte da súa familia.

01/06/2016
By

NACHO GÓMEZ COIDA QUE A CIDADANÍA DE OURENSE DEBE SABER QUE GRAO DE IMPLICACIÓN TEN O DEPUTADO DO PP NA CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS A UNHA ENTIDADE PRESIDIDA POLO SEU PROPIO PAI.

 

O ENTRAMADO FAMILIAR QUE CONFORMA A FAMILIA DO DEPUTADO PÉREZ, LEVANTA SOSPEITAS SOBRE O APROVEITAMENTO QUE FAN DOS RECURSOS PÚBLICOS.

 

O Portavoz do Grupo Provincial Socialista, Nacho Gómez, esixe que se coñeza o grao de implicación do deputado provincial, Pablo Pérez, na concesións de subvencións á Mancomunidade Terras de Celanova, que o seu pai preside. Así mesmo, considera que Pablo Pérez, en canto coordinador da cooperación con Concellos e Mancomunidades da Deputación de Ourense, debe asumir responsabilidades pola utilización privada que fixo a súa familia do Centro ocupacional da Fundación para a Protección dos Minusválidos Terras de Celanova, dirixido por seu irmán e que pertence á Mancomunidade que preside seu propio pai, Alcalde de Quintela de Leirado.

 

O Grupo Socialista na Deputación, considera imprescindible, xa que logo, que o Presidente investigado, José M. Baltar e mailo seu Deputado provincial, o señor Pérez, deben respostar inmediatamente ao grao de implicación que ten o propio Pablo Pérez, nos procedementos de concesión de subvencións á Mancomunidade Terras de Celanova. Tamén esixen coñecer a relación de subvencións que lle foron concedidas a esta Mancomunidade dende o 2009, posto que os socialistas, son coñecedores de que receben cartos a esgalla da Deputación, moi por enriba doutras entidades e que, agardan, estean plenamente xustificadas.

 

O clan familiar do deputado do PP, polo tanto, estende as súas ramificación en torno a todo o relacionado coa Mancomunidade  e así, aparte do feito que o pai sexa Presidente, o irmán de Pablo Pérez é director do centro ocupacional do que fixeron uso privado ademais de traballador da propia Deputación de Ourense. A pesares de que, por desgraza, a sociedade ourensá está afeita a estes entramados familiares, o Grupo Provincial Socialista, esixe coñecer se hai incompatibilidade entre o cargo de director do centro ocupacional e o seu traballo na institución provincial. Deste xeito, solicitaron copia da solicitude de compatibilidade para exercer ambos traballos.

 

Así mesmo, dáse a circunstancia que o propio Pablo Pérez, é coordinador da Cooperación coas Mancomunidades, polo tanto, responsable, en última instancia do uso que se faga dos recursos adscritos ás mesmas e, máxime, se é a súa propia familia quen fai un uso inapropiado.

 

“A utilización desa Mancomunidade por parte desa familia, excede ata as actuacións ás que estamos tristemente acostumados nesta provincia. Aparte de usar a Mancomunidade como unha empresa de colocación dos membros desa familia, agora sabemos que empregan os locais e espazos públicos para actividades privadas”, declara Nacho Gómez.

 

Nacho Gómez, considera que Pablo Pérez, debe dimitir se ten responsabilidade sobre a mala utilización de espazos e recursos públicos para actividades da súa propia familia. Así mesmo, coida que toda a provincia, en particular, os veciños/as da Comarca deben coñecer as actuacións do pai do Deputado, en tanto que Presidente da entidade e do irmán, en tanto que director do centro ocupacional pertencente a esa mesma entidade.

 

Tags: , , , , , , , , ,