O PSOE de Rairiz califica a situación de desgoberno do Concello como “moi preocupante e inadmisible”

12/05/2016
By

A ruptura no grupo de goberno , formalízase coa demisión de Manuel Corderí Ferreiro, concelleiro do Partido Popular.

Rairiz, 11 de maio de 2016. Tal como veu anunciando, dende hai meses, o Grupo Municipal Socialista no Concello de Rairiz de Veiga, os desencontros no seo do grupo de goberno, están a provocar a parálise na xestión municipal. Esta ruptura vese claramente evidenciada co anuncio de demisión do concelleiro Manuel Corderí Ferreiro que, ata o de agora , formaba parte do grupo de goberno, liderado por Asun Morgade. No vindeiro Pleno da Corporación, extraordinario, a celebrar mañá ás 13h., formalizarase, previsiblemente, esa renuncia ao cargo por parte do concelleiro do PP. A ruptura que se vive no grupo de goberno, acada así , o que o Portavoz socialista, Pablo Lorenzo, viña denunciando hai tempo, a imposibilidade de proseguir coa xestión municipal dentro da normalidade. O cariz dos acontecementos vén adquirindo dimensións de gravidade dende que a Alcaldesa é incapaz de sacar adiante as súas propias propostas en Pleno e fraguouse xa coa marcha dun dos seus concelleiros cara ao grupo sen adscrición. A fragmentación é tal que xa houbo protestas por parte dos 3 Tenentes de Alcaldía ao respecto de que non se lles explica con anterioridade á orde do día qué se vai someter a debate plenario, nun alarde de falta absoluta de transparencia por parte de Asun Morgade, alcaldesa de Rairiz.

 

A situación do Concello, tal como relatan os socialistas, é moi complicada e as dilacións no proceso de rexeneración política prometido pola Alcaldesa, dan lugar a pensar que o escurantismo segue moi presente no día a día da xestión municipal e así quedou contrastada tralas declaracións, antes mencionadas, dos membros da Xunta de Goberno, reclamando máis diálogo.

 

O PSOE de Rairiz, insta unha vez máis á Alcaldesa a que actúe de xeito inmediato para desbloquear esta penosa situación de inoperancia, que trae consecuencias no día a día da veciñanza. Os intereses dos habitantes de Rairiz, deben primar sobre calquera consideración partidaria ou de afinidade que mova á Alcaldesa nas súas actuacións e ten que cumprir co prometido: rachar co pasado e coa era Xaquín así como a abrir unha nova etapa de diálogo para sacar o Concello adiante.

Morgade Rúa tén que escoller entre seguir como ata agora, proseguindo no escurantismo destas dúas últimas décadas ou contar co grupo municipal para sacar os temas municipais adiante.

 

Tags: , , , , , , ,