Os socialistas de Xinzo lembran no Concello que a nova modificación da Lei do Solo que pretende a Xunta prohibirá a ampliación e modernización das explotacións agrarias

A advertencia foi feita por Elvira Lama, voceira do Grupo Municipal Socialista en Xinzo, e deputada provincial socialista; logo de que o Grupo presentase no Concello unha moción instando a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio a modificar a disposición transitoria cuarta da Lei 2/2016, do Solo de Galicia, que pretende prohibi-la ampliación das explotacións agrarias rurais.

A compañeira advirte de que “é un despropósito para A Limia”, dadas as súas “especiais características socioeconómicas e morfolóxicas”, con “explotacións agropecuarias moi vinculadas aos núcleos rurais, e mesmo incluídas neles”.

“Na súa redacción actual, prohíbense as ampliacións das explotacións existentes nos núcleos rurais, limitando as mesmas ao solo rústico”, lembrou Lama, quen tamén apuntou que esta diferenciación semella “penalizar aos municipios que teñen un importante número de explotacións en este tipo de solo, as cales con esta nova lei non se poderán modernizar nin ampliar”, e sinalou que esa disposición tamén “evidencia moitas lagoas na súa redacción, en canto ás explotacións que, polo seu tamaño, estean edificadas parte en núcleo rural e parte en solo rústico”.

Lama denunciou que “ao PP non parece preocuparlle moito a economía motor do noso concello, xa que non teñen ningún problema en poñerlle máis trabas burocráticas a unha actividade e a un sector, que xa de por si non atravesa polo seu mellor momento”.

A voceira socialista destacou que a norma “limita o volume das posibles ampliacións a un máximo do 50% do orixinario da edificación nas explotacións situadas en solo rústico e que non cumpren os parámetros recollidos no artigo 39 da lei”, polo que, aparte da “enorme limitación á hora de acometer unha ampliación” que supón o feito de que non se defina en ningures “qué se debe considerar ‘volume orixinario’ “, constitúe problema maior o de que “pola experiencia que temos nos concellos rurais galegos, a maior parte das explotacións, cando solicitan unha licenza de ampliación, superan ese 50%”.

Tags: , , , , , , ,