O PSOE DE RAIRIZ CALIFICA DE PARÁLISE A XESTIÓN DA ALCALDESA

01/04/2016
By

O Pleno celebrado onte, 31 de Marzo,  no Concello de Rairiz deu como resultado unha nova fragmentación da nova Xunta de Goberno designada por Morgade hai uns meses trala súa segunda investidura como Alcaldesa ao ser declarada a primeira ilegal en base a un informe da Secretaria-Interventora.

O punto máis conflitivo foi o 2º. RECOÑECEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITOS onde se pretendía aprobar o pago de facturas por valor de 99.000 € con cargo á prórroga dos orzamentos do ano 2015.

Dende o PSOE consideramos un erro cargar esta cantidade contra unha prórroga duns orzamentos obsoletos.

O exposto dende o Grupo dos Socialistas de Rairiz, segundo o seu Voceiro Pablo Lorenzo , pasa por analizar a débeda real do Concello e levala a pleno así como dala a coñecer a toda a veciñanza. Os veciños e veciñas de Rairiz deben saber o estado lamentable no que quedaron as arcas municipais tralas dúas décadas de goberno do anterior rexedor.

Unha vez coñecida a débeda real actual do Concello, é imprescindible e de carácter urxente, aprobar os orzamentos do ano 2016 para saber con que ingresos e gastos fixos contamos e a que facturas podemos facer fronte. A situación do Concello é moi complicada e as dilacións no proceso de rexeneración política prometido pola Alcaldesa, dan lugar a pensar que o escurantismo segue moi presente no día a día da xestión municipal e así quedou contrastada tralas declaracións dos membros da Xunta de Goberno, reclamando máis diálogo.

Dende o PSOE agradecen aos tres Tenentes de Alcalde de Rairiz, e membros da Xunta de Goberno Local o xesto que están a ter con este Concello e cos veciños. Dende as filas socialistas consideramos este xesto coma un compromiso cos veciños e agradecemos que compartan esta petición de transparencia municipal que tanto tempo levamos pedindo dende o PSOE para Rairiz. Ata o punto que os tres Tenientes de Alcalde, lle retiraron o apoio á Alcaldesa por falta de transparencia municipal.

Así mesmo, os tres Tenentes de Alcalde, animaron á Alcaldesa a romper co pasado e coa era Xaquín así como a abrir unha nova etapa de diálogo para sacar o Concello adiante, “tén que escoller entre os consellos de Xaquín e os nosos” dicía Manuel Ferreiro en sesión plenaria.

Morgade Rúa tén que escoller entre seguir como ata agora, obedecendo ordes e consellos do anterior rexedor ou contar co grupo municipal para sacar os temas municipais adiante.

O Voceiro Socialista, Pablo Lorenzo, manifestou tamén o desacordo co pago destas facturas por estar moitas delas aprobadas por decreto cando o anterior rexedor Rodríguez Ambrosio seguía ao fronte do Concello pese a estar inhabilitado e presentar unha causa de incompatibilidade co cargo de Alcalde e Concelleiro. “é imprescindible analizar todas as facturas antes de aprobar o pago das mesmas, posto que non imos a aprobar uns compromisos de pago adquiridos por un Alcalde que xa estaba inhabilitado pola Xustiza”.

Así mesmo Lorenzo, dixo que todos estos decretos deberían ser considerados nulos por ser dictados por un Alcalde que presentaba unha causa de incompatibilidade: “Temos que analizar se realmente se procedeu dentro da legalidade e se todo o feito dende a recepción da sentencia de inhabilitación, foi feito conforme a dereito, non podemos arriscarnos a aprobar algo sospeitoso de ser ilegal”.

En relacion á moción urxente do PSOE sobre a revisión catastral, os tres tenentes de alcalde amosaron o seu interese, polo cal, o tema será debatido na seguinte sesión plenaria con mais información lexislativa en relación a este asunto. Dende o PSOE, tamén queren agradecer que  neste tema se poñan do lado dos agricultores e gandeiros de Rairiz: “Dende o PSOE, aledámonos ao ver que dende o grupo do PP de Rairiz hai xente disposta a romper coa era dos “anos escuros” de Rairiz e devolverlle aos veciños a transparencia que se merecen”.

 

Tags: , , , , , , , ,