O PSOE de Punxín denuncia os termos do convenio de abastecemento da auga entre o Concello de Punxín e a Deputación, apoiado polo grupo de Cambio Intelixente.

01/04/2016
By

No pleno celebrado este Xoves, 31 de Marzo, no Concello de Punxín, quedou manifestamente claro o descoñecemento, real ou simulado, do Alcalde no que respecta ao contido dos Convenios que decide firmar coa Deputación, tendo en conta que foi o Voceiro do Grupo Cambio Intelixente o que explicou no pleno o contido de dito Convenio. O Partido Socialista defende, en todo momento  que a adhesión a este convenio é contraria aos intereses veciñais, contendo custos incrementados de xeito inxustificado, que, loxicamente, recaerán nos recibos dos veciños.

O Grupo Municipal Socialista no Concello de Punxín, destaca, unha vez máis, as contradicións do Grupo Cambio Intelixente, ao non apoiar coas súas accións o que o seu Voceiro viña defendendo nestes últimos anos, abandeirando un movemento veciñal en contra da privatización do servizo da auga e forzando a saída da empresa concesionaria do servizo naquel momento. Paradoxicamente e, pola contra, é agora cando, co seu voto, volve a meter en mans da Deputación, a primeira fase de abastecemento que corresponde ao bombeo.

No Pleno desenvolvido hoxe pola mañá, a Voceira do Grupo Municipal Socialista, Rosa Mª Outerelo , referiuse á cuestión, destacando o seguinte: “ A Deputación, como administración pública, presenta informes económicos con custos sobredimensionados e sen base ningunha, obviando o carácter público da prestación de servizos imprescindibles para a cidadanía. Presta servizos a través de Aquaourense, cubrindo cos custos, os intereses persoais e políticos do PP. O Alcalde, ao ser requerido polas razóns polas que non rebaixan os recibos da auga, alega que o Concello xa está a pagar o 50% deses recibos e que deberan ser os propios veciños e veciñas os que se fixeran cargo do 100% do custo total. Di todo isto, a pesares de vender o aforro na prestación do servizo. Para nós, é unha mostra máis de incongruencia e de que non lle importan os intereses da veciñanza de Punxín”.

 

Moi habilmente, os Alcaldes de Cenlle, San Amaro e Punxín xunto coa Deputación e Cambio Intelixente (segundo manifestou o seu Voceiro no Pleno) levan meses consensuando ás costas de tódolos veciños e veciñas, a aprobación deste Convenio.

Por outra parte, desde o G.M Socialista, presentouse unha moción na que se solicita que se estableza o máximo permitido de bonificación do 95% da cota íntegra do IBI para os bens inmobles nos cales se desenvolvan actividades agrícolas ou gandeiras e que, para aquelas explotacións agrícolas e gandeiras, o coeficiente de tributación a aplicar sobre o valor catastral sexá do 0,3%,  aos efectos de minorar no que sexa posible os incrementos que o procedemento de revisión catastral supón para os veciños e veciñas. Revisión que se ve agravada, neste caso, pola solicitude do Alcalde da actualización de coeficientes que vai incrementar a cota, irremediablemente, ao incrementarse a base impoñible. Por parte do PP e de CI non se votou a favor da súa aprobación ao considerar que o aforro é irrisorio e que o Concello necesita cartos; dende o Partido Socialista considérase que a xestión deste goberno está nun único  interese, que non é outro que o de incrementar as arcas municipais  a costa dos veciños e veciñas de Punxín.

Dende o PSOE de Punxín, seguirán defendendo os intereses dos veciños, sendo cada vez máis complicado, debido á unión de PP e CI, votando en contra das nosas propostas aínda que supoñan melloras para a veciñanza. Así mesmo, proseguirán a reivindicar os incumprimentos dos Convenios por parte da Deputación e a desidia do Alcalde.

Tags: , , , , , , , , ,