O Grupo Provincial Socialista presenta unha Moción para que a Deputación, tome as medidas axeitadas para manter as condicións de seguridade e uso da redes viarias provincial e local, afectadas polas obras do AVE.

30/03/2016
By

O Grupo Provincial Socialista, presentou unha moción para someter a debate no vindeiro Pleno da Deputación, este Xoves 31 de Marzo,destinada a que se tomen as medidas axeitadas por parte da institución provincial, en aras de que se protexa a rede viaria de Ourense ante os numerosos danos ocasionados polas obras do AVE. Na mencionada moción, instase a que a Deputación adopte as oportunas disposicións para que as estradas da Rede Viaria Provincial se manteñan nas condicións adecuadas de uso e seguridade mentres duren as obras de construción da alta velocidade ferroviaria.

 

Así mesmo, os socialistas coidan que é imprescindible que se cree unha Comisión Técnica de seguimento do estado e actuacións a levar a cabo na rede viaria provincial afectada con representantes do Ministerio de Fomento e da Deputación Provincial. E que, unha vez se vaia deixando de traballar nos diferentes tramos, se vaian executando as melloras nas estradas utilizadas polas empresas construtoras conforme ós requerimentos feitos polos servizos técnicos desta institución.

Do mesmo xeito, o Grupo Socialista, considera que se deben adoptar, exactamente, as mesmas medidas para coa rede viaria local, posto que as obras da alta velocidade están afectando ao tránsito e á seguridade en numerosos Concellos da nosa provincia.

 

Por outra banda, o Voceiro do Grupo Provincial Socialista, Nacho Gómez, considera que a Ministra de Fomento, Ana Pastor, está a actuar nesta cuestión dun xeito superficial. Recorda, o Voceiro, que na derradeira visita da Ministra ás obras, o pasado 21 de Marzo, ésta culpou ás construtoras dos danos causados e prometeu que serán estas empresas as que van correr cos custos das obras de reparación acometidas pola propia ADIF. Dende o Grupo Socialista, entenden que se debe esixir responsabilidade ás construtoras pero que o Estado e as administracións competentes non poden quedar de brazos cruzados coma ata o de agora. Non é de recibo que Ana Pastor acuda, unha e outra vez, a mirar o estado das obras e os prexuízos ocasionados, namentres se saca a foto de promoción e non se toman medidas inmediatas de reparación. Deixar pasar o tempo só vai a empeorar o estado e a seguridade das estradas provinciais e locais de Ourense e privar aos veciños e veciñas dos Concellos afectados dun uso das mesmas nunhas condicións adecuadas que permitan o normal desenvolvemento da súa vida económica e diaria. O goberno do PP, debe garantir que se acometan esos arranxos e non agardar a que finalicen as obras ferroviarias e se corra o risco de que as empresas non se responsabilicen dos estragos causados.

 

Destaca, así mesmo, Nacho Gómez que é unha das principais obrigas da Deputación de Ourense; a de manter nas condicións axeitadas de seguridade e actualizar estas estradas ás novas demandas e necesidades, en troques, esta institución, considera, non o está a facer de xeito minimamente satisfactorio. Con frecuencia moitas actuacións de melloras no trazado, eliminando curvas ou ancheando a vía, quedan sen rematar por anos e soamente se atenden cando hai citas electorais.

Tags: , , , , , , , , , , , , , ,