Demandamos o remate as obras da estrada de Leiro a Pena Corneira

O Voceiro do Grupo Socialista na Deputación, Ignacio Gómez, acudiu ao chamado feito polos compañeiros do Grupo Municipal Socialista no Concello de Leiro, para coñecer de primeira man o deplorábel estado da estrada provincial que comunica a este Concello do Ribeiro con Pena Corneira (no límite con Carballeda de Avia). Manuel Rodríguez, Voceiro dos socialistas de Leiro, deulle traslado ás numerosas queixas recibidas por parte dos veciños e usuarios da estrada, ante o mal estado da mesma, que afecta á súa seguridade.

A devandita estrada, de titularidade provincial, ao seu paso por Lebosende, presenta unha situación lamentábel, con sinalizacións deficientes, numerosas fochancas, un contedor colocado enriba dunha fosa séptica, mal executada, sen rematar, con alta perigosidade, e tramos nos que non poden cruzarse dous vehículos. Após a reiteras queixas realizadas polo Grupo Municipal Socialista, sen que fosen atendidas por parte da Deputación, os leirenses resolveron traslada-lo problema, de enorme gravidade, ao noso Grupo Provincial.

Instamos ao grupo de goberno provincial do PP para que a que lle esixa á empresa encargada da obra, Cruzval, que remate de inmediato os arranxos na estrada e que o faga con eficacia. A Deputación, contratou esta obra con esta empresa por un valor de 60 000 €, e parécenos indignante que deixaran a estrada en tales condicións. É hora que a institución provincial esixa o remate e posta a punto da estrada, xa posto que a empresa contratada ten que ter un aval ou garantía para poder facelo.

Asemade, consideramos que non é de recibo que a Deputación establecera alí un posto de traballo e vaia se-la propia institución a que remate unha obra ante o incumprimento da empresa: non se poden poñer recursos públicos ao servizo dunha empresa privada sen esixirlle que cumpra co acordado e que se responsabilice das súas obrigas. O problema destas obras mal rematadas, é da empresa e non se pode permitir que a propia Deputación lle saque as castañas do lume.

E xa que o noso Grupo Provincial acudiu ao lugar das denuncias veciñais, para coñecer o caso e escoitar aos veciños, podemos recomendarlle a Baltar Blanco que faga o mesmo, que visite o territorio e coñeza as necesidades dos ourensáns, no canto de andar de xira promocional.

Nacho Gómez, considera que a Deputación ten que atender, coma prioridade, ás necesidades, “problemas e desfeitas que acontecen en todo o territorio ourensán”, e non a subscribir convenios, como o recente sobre o CHUO que só benefician os intereses da Xunta, que é a verdadeira responsábel do entorno do centro  hospitalario.

Tags: , , , , ,