Co encargo dun estudo de proxección exterior, Baltar Blanco suplanta á Cámara de Comercio en lugar de apoia-la súa laboura

Grayline_Dennis_New_York_Sightseeing

Verbo do encargo polo grupo de goberno da Deputación dun informe de “proxección exterior”, os socialistas de Ourense consideramos que a labor de proxectar ás empresas ourensás no exterior é propia da Cámara de Comercio de Ourense. Esta organización sofre as consecuencias da reforma das Cámaras feita polo PP, que as deixou sen financiamento. Mellor sería, por tanto que o grupo de goberno provincial adicase os 21 000 € do custo do estudo, a  colaborar coa Cámara, para evitar que suprima servicios e persoal, e que mesmo a súa desaparición .É dende a Cámara como temos que traballar en proxectar ás empresas e sectores económicos da provincia cara ao exterior.

O noso voceiro na Deputación, Ignacio Gómez, considera que os Vicepresidentes desta institución se adican a tapa-los escándalos que provocan as decisións caprichosas do Presidente, que ten nesta institución un xoguete para fomenta-lo seu egocentrismo, agora con ansia de proxección internacional.

Baltar Blanco, nin reuniu  ás empresas e entidades económicas antes da viaxe para programa-los obxectivos da mesma, nin contou previamente cos grupos económicos, coa CEO, nin coas organizacións sindicais, nin cos grupos políticos da Deputación (incluído o seu), nin publicou a viaxe na Axenda da Deputación.

Gómez cre que, por moito que o quera negar, estes 21 000 € ocultan o pago dunha peaxe para que Baltar Blanco se faga unhas fotos cuns funcionarios dunha Cámara de Comercio nos Estados Unidos.

A “misión” de Baltar Blanco semella máis útil para que os norteamericanos coloquen aquí os seus productos que colocarmos os nosos en EE.UU.. De feito, as xestións foron realizadas ante os organismos adicados a exporta-los produtos americanos.

En todo caso, consideramos que se houbese que realizar estudos por algunha entidade sobre a proxección exterior dos sectores económicos da provincia, a tarefa correspondería aos técnicos da propia Deputación ou do INORDE (organismo creado, precisamente, para esta tarefa e que ten as competencias para elo), ou polos moi cualificados expertos na materia existentes no Campus universitario de Ourense, dos mellores a nivel internacional. A decisión de Baltar Blanco é un desprezo e unha burla a todos estes técnicos, que, por 21 000 € poderían facer un estudo internacional solvente.

Por outra banda, Ignacio Gómez, reitera que o pago de 21 000 € é unha fraude e un “chanchullo” para financia-las “derivas” internacionais de Baltar Blanco e os seus egos, facendo un simulacro de estudo que non propón ren nin da solución algunha, para variar.

Tamén se nota que o Vicepresidente da Deputación non leva moito tempo na mesma, pois reacciona como se esta “noticia” fose pouco menos que un fito histórico, porque, ao longo das últimas décadas, a familia Baltar nos tivo acostumados a “fitos históricos” cada pouco tempo; e todos eles acabaron sendo un “bluff”. Hai exemplos abondo: a fábrica de coches eléctricos de Melón, a fábrica de derivados da pataca d’A Limia, o impulso da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, a cidade do motor de Verín, etc. E nós non queremos facer de pitonisos, pero parécenos que este “fito histórico” vai acabar sendo outro “bluff “ máis.

En contra do que o PP quere facer pensar, o único eido no que Baltar Blanco ten un nivel de actividade destacábel é o dos seus asuntos particulares.

Tags: , , , , , , , ,