O Parlamento galego aproba unha proposta socialista para garanti-la viabilidade do Ateneo de Ourense

nuevo-2

A Comisión de Cultura do Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha Proposición Non de Lei do Grupo Socialista, verbo dun novo emprazamento que garanta a viabilidade do Ateneo de Ourense. A nosa deputada Noela Blanco presentou esta iniciativa dirixida a “manter vivo o latexo cultural, político e social” desa institución.

A comisión aprobou por unanimidade esta proposta transaccionada co Grupo Popular, para encomendarlle á Xunta que consulte co Ministerio de Facenda o rexistro de locais públicos dispoñibles para abrir un proceso de negociación dun mes que remate cunha nova localización para o Ateneo que non poña en risco a súa existencia.

Blanco avogou por acadar “unha solución estrutural a longo prazo” que permita a supervivencia deste “referente da vida cultural, social e política da cidade de Ourense e de toda Galicia”, e advertiu que a resposta das institucións “debe ir máis aló dunha mera subvención que non palía a difícil situación” deste “reduto de debate libre, e referente de tolerancia e diversidade”.

A compañeira lembrou que o Ateneo, logo de estar ubicado, dende 1969, nas instalacións de Caixa Ourense no Edificio Torre, con cargo primeiro ao Goberno central e despois á Xunta, tivo que afrontar, no 2010, unha orde de desaloxo, fronte á que a Xunta amosou unha resposta “resignada e cómplice”, renunciando a recorre-la sentenza. A partir daquel momento, o Ateneo tivo que compartir local co Clube de Tenis de Ramirás, que lles cedeu parte das súas instalacións. Pero no 2014 estas foron postas á venda, co que o Ateneo ficaría sen sede.

A deputada alerta, xa que logo, que, de non acadar unha nova localización, “a entidade enfrontarase con toda probabilidade ao final do seu camiño, xa que lle resultará moi difícil atopar outro espazo cuxo custe poda asumir”.

Tags: , , ,