O Voceiro do Grupo Provincial Socialista, Ignacio Gómez, denuncia o incumprimento reiterado dos acordos plenarios por parte de Baltar.

02/03/2016
By

O Grupo Provincial Socialista insta a que se faga o Regulamento das Brigadas de Vías e Obras, toda vez que leva 22 meses aprobado o acordo.

Baltar incumpre ata as súas propias propostas en cuestións tan fundamentais coma este Regulamento, que aseguran o bo funcionamento da cooperación que debe prestar a Deputación aos Concellos da provincia de Ourense.

 

Ourense a 1 de Marzo de 2016. O Voceiro socialista na Deputación de Ourense, Ignacio Gómez, denuncia o incumprimento reiterado dos acordos plenarios que adopta a Corporación da Deputación de Ourense, mesmo aqueles que se adoptan coas emendas do propio Partido Popular. Tal é o caso do acordo adoptado no  Pleno do 30 de Maio de 2014, cando  a Corporación aprobou unha Moción do Grupo Socialista coa emenda do Grupo Popular nos seguintes termos:  “O Pleno adopta o seguinte acordo: Revisar as normas de 1996 que regulan o funcionamento das brigadas de Vías e Obras desta Deputación, elaborando un texto que se someta á consideración da Comisión correspondente para que os Grupos Políticos fagan as achegas que xulguen oportunas”.

 

Tal e como denuncia Nacho Gómez, 22 meses despois desta adopción de acordo, a Brigada de Vías e Obras segue sen estar regulada nin se someteu proposta algunha á comisión de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural. O Grupo Provincial Socialista, considera vital que se axilice a redacción deste Regulamento para asegurar a utilidade para os intereses públicos dunha ferramenta tan importante para a cooperación municipal así coma  para asegurar o mantemento da rede de estradas provinciais e locais.

 

Puidera acontecer que o señor Baltar se arrepentira dos propios acordos que se toman en sé plenaria, mesmos dos que emenda ou propón o seu grupo; posto que a cuestión do Regulamento de Vías e Obras, non é cuestión illada; senón habitual. O Grupo Provincial Socialista, en observación da súa labor de fiscalización, velará pola cumprimento de todos e cada un dos acordos adoptados pola Corporación provincial e, xa poden adiantar, que se trata dun número importante.

 

Tal e como vén denunciando o Grupo Socialista e destaca o seu Voceiro, Nacho Gómez, Baltar parece máis preocupado en cuestións espurias, banais e efectistas, coma as súas viaxes e actos de auto-promoción, que en solucionar os problemas dos cidadáns e das entidades locais da provincia de Ourense. Dende o Grupo Provincial Socialista, querémoslle recordar ao Presidente da Deputación, que ten que cumprir coas súas obrigas e coas funcións da institución, sobre todo no que respecta á cooperación e asistencia aos Concellos da provincia, aínda que non lle resulte tan grato coma andar de paseo en xira promocional. Os socialistas, reiteran que estes incumprimentos se veñen repetindo dende que Baltar Blanco ocupa a Presidencia e que van exercer a presión necesaria para que se respecte o que se acordou democraticamente.

 

É normal que Baltar Blanco se esqueza de cumprir os acordos que se adoptan e que non leve o día a día, na Deputación porque hai meses nos que non pasa máis de dez días na sé provincial. O Presidente da Deputación está obsesionado con facerse fotos con todos os famosos que atopa no seu camiño e emprega a institución provincial e os cartos de todas e todos para promocionarse politicamente dentro do seu partido e para agrandar un ego que xa de por si ten moi subido.

 

Por elo, o Grupo Socialista pídelle a Baltar que descenda á terra e se ocupe dos asuntos do seu cargo de Presidente da Deputación e deixe de pasarse as semanas de tour por diversos escenarios nacionais e agora tamén internacionais.

Tags: , , , ,