O despilfarro do PP en San Amaro pon ao Concello camiño da creba

Concello_de_San_Amaro

No último pleno do Concello de San Amaro, os socialistas tivemos coñecemento, a través dun informe de Secretaría-Intervención, dalgo que viñamos sospeitando: a falta total de solvencia do propio Concello, debido á absoluta irresponsabilidade do Alcalde, Ernesto Pérez.

A gravidade da situación é tal que, nun futuro non moi lonxano, o Concello de San Amaro pode verse abocado a declararse en creba, posto que non cumpre coas súas obrigas de estabilidade financeira, segundo as normas do propio Ministerio de Hacienda.

A pasividade do alcalde perante esta grave situación é tal, que a propia Interventora do Concello de San Amaro fixo xa a súa terceira advertencia ao respecto ao pleno da Corporación, coidando que vai a ser difícil, por non dicir imposíbel, cumprir coas obrigas que establece a normativa no pago a proveedores do Concello (excedendo con moito os prazos que dicta a Lei 2/2012 de Estabilidade Orzamentaria e Sostebilidade Financieira), xa que existe un déficit estrutural de tesourería, debido ao impago recorrente das facturas da auga á empresa GESECO, S.A., tal como vimos denunciando os socialistas.

A situación é tal que, ata dende os propios servizos económicos do Concello, advirten que, de proceder a pagar a esta empresa no prazo establecido pola Lei, impediría o pago ao resto de proveedores do Concello por falta de liquidez. O abuso ao que está a someter esta empresa ao Concello de San Amaro, execede con moito o sentido común e o Alcalde non fai nada por impedilo. A propia interventora, recomendoulle varias veces negociar á baixa con esta empresa, porque os importes facturados son de tal magnitude que impiden que o pouco que recuda o Concello, dea para atender este gasto, no tempo que dicta a normativa e, moito menos, outros gastos esenciais para o funcionamento da entidade local e dos servizos que se lle dan aos veciños.

No mencionado informe, advírtese de que o incumprimento do prazo de pago a proveedores no Concello de San Amaro, é unha cuestión que se repite trimestre a trimestre e que se manterá así debido á pasividade e á non toma de decisións do Alcalde. Tal e como denunciou en numerosas ocasións o Grupo Municipal Socialista por boca da súa voceira, María Jesús López Carrasco, o Alcalde non actúa ante as numerosas advertencias para que rebaixe o contrato abusivo que estableceu coa empresa que subministra a auga potable, entre outros derroches sen sentido nos que incorre mes tras mes. Todo elo leva a unha situación económica desastrosa da que han ser vítimas os propios veciños do San Amaro.

A todo este despilfarro e desatención, hai que engadi-lo rosario de débedas contraídas que, segundo o Informe da Interventora, ha rematar causando o colapso da tesourería municipal. Hai débedas contraídas coa Mancomunidade do Carballiño, con Unión Fenosa, etc. Todo esta débeda non ten correspondencia co que ingresa o Concello de San Amaro, e equivale ao 115% do orzamento en vigor para o ano 2016. É dicir: se o Concello quere cumprir coa Lei de estabilidade e coas súas obrigas, tería que usa-lo importe do total das partidas que pode gastar este ano, incluindo os servizos que se lle dan á veciñanza.

A situación está lonxe de ter visos de ser arranxada; e no Informe citado, reiteráselle ao Alcalde que é o responsábel de velar pola pola estabilidade financieira e pola xestión do desenvolvemento económico e do Concello, cousa que non fai. Pola contra, pese ás advertencias da Intervención para que conteña o gasto, o Alcalde foi xerando máis débeda coa Mancomunidade e, sobre todo, con GESECO, S.A., negándose a negociar condicións máis vantaxosas para o Concello e unha menor marxe de beneficio para a empresa, tal e como o Grupo Socialista lle ten advertido.

Os socialistas, xa que logo, queremos denunciar publicamente esta situación, e especialmente, consonte ao expresado no devandito informe, queremos pór en coñecemento dos veciños de San Amaro que a propia Interventora do Concello está advertindo ao Alcalde de que, de non reconduci-la súa actitude pasiva e inactiva con respecto ao gasto que está a realizar sen control, terá que asumi-las consecuencias. Por unha banda, o Concello de San Amaro imcumprirá o obxectivo da estabilidade orzamentaria e, por outra, o Alcalde, como responsábel público sometido aos criterios do bo goberno (Lei 19/2013 de 19 de Decembro) ten a responsabilidade patrimonial e contable esixible en casos tan graves coma este, de infraccións en materia de xestión económico-orzamentaria.

Tags: , , , , , , ,