O PP empéñase: Ourense seguirá a se-la única provincia galega cun servizo provincial de incendios privatizado

12744618_1693771350841260_1345356868328728422_n

O PP rexeitou unha moción que os socialistas presentamos no pleno da Deputación no senso de que esta asumise a xestión directa do servizo do Consorcio Provincial de Ourense para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento. Foi o noso deputado provincial Francisco Fraga Civeira quen presentou a moción, que instaba a que a Deputación, en virtude do consorcio conformado pola propia institución provincial e a Xunta de Galicia, asumise a xestión directa do servizo, dada a eficiencia demostrada por este modelo de xestión.

Fraga Civeira explicou que a progresiva privatización da xestión dos parques comarcais de bombeiros, nos últimos dez anos, conlevou unha merma dos recursos públicos, facendo mais caro e mais precario un servizo básico e esencial. “Apostamos pola xestión pública e directa, posto que, ademais de ser máis eficiente e homoxeneiza-lo servizo en todo o territorio, é máis barata, como ben se pode comprobar en casos como o de Silleda”.

O deputado aclarou que urxía o traslado desta moción ao pleno da Deputación, posto que están a piques de vence-los contratos coas concesionarias. Porén, ante a negativa do grupo de goberno do PP, afirmou que “achegar propostas faise difícil cando se incumpren ata os prazos para celebra-las reunións do propio Consorcio”. “Os socialistas queremos o mellor para a cidadanía e cremos que o mellor para esta, respecto dun servizo tan esencial, é que sexa prestado como servizo público, para evitar ‘aforros’ que só beneficien ás empresas, e tamén para acadar que os profesionais actúen como axentes de autoridade nas labouras de salvamento”.

O compañeiro subliñou o feito de que, namentres o resto das provincias galegas terán un servizo público, os ourensáns seguiremos soportando que as empresas que nada teñen que ver co sector das emerxencias, como construtoras, consultoras, carroceiras de vehículos, de limpeza ou xestión de residuos…etc., fagan o seu particular agosto a conta do erario público, e mantendo redes clientelares.

Para o Grupo Provincial Socialista, é desexábel a consecución dun servizo de emerxencias público, eficiente, de calidade, con seguridade xurídica e con traballadores públicos. Por iso na moción presentada e rexeitada polo PP, defendemos, a xestión Directa do Consorcio Provincial para a prestación do servizo contra incendios e salvamento, a homoxeneización do servizo e das condicións laborais, así coma instar á Xunta a crea-lo Corpo de Bombeiros de Galicia, do que formen parte os empregados públicos que presten servizo nos diferentes parques comarcais.

Precisamente, membros deste corpo de bombeiros e do Consorcio de Ourense, tiveron a oportunidade de acudir ao pleno da Deputación e asistir ao rexeitamento, por parte do PP, dunhas medidas que este sector profesional considera prioritarias para poder desenvolve-lo seu importante labor.

Os socialistas lamentamos este rexeitamento. En palabras de Civeira, “é unha mágoa que o PP non pense na cidadanía e non opte por un servizo público eficiente”.

Pola nosa banda, seguiremos loitando para que esta xestión directa sexa asumida pola Deputación e apoiando as máis que xustas reivindicacións do colectivo dos bombeiros.

Tags: , , , , , ,