O PP tenta desvia-la atención das responsabilidades de Baltar Blanco cun paripé verbo do acceso aos plenos

25/02/2016
By

O voceiro do noso Grupo na Deputación, Ignacio Gómez, fíxolle saber onte ao seu Presidente a posición socialista sobre a redacción dunha norma para o acceso ás sesións do Pleno da institución. Gómez considera que este proceso non é máis que unha manobra para tapa-la actitude de Baltar Blanco, consistente en ataca-lo dereito constitucional de acceso dos veciños aos plenos, nomeadamente o da sesión que se ía a debate-la súa implicación nun caso de posible contratación laboral a cambio de favores sexuais, que escandalizou á opinión pública a finais do ano pasado, e sobre o que seguen actuacións xudiciais.

O dereito a acceder ás sesións plenarias, por parte de cidadáns e colectivos, é un dereito fundamental que debe ser garantido por esta institución e, aínda máis, debe ser favorecido e facilitado, polo que os socialistas nos opoñemos a unha norma que tente evitar a presenza de colectivos ou persoas que queran coñecer en directo o papel dos seus representantes na Deputación.

O noso voceiro participoulle ao PP que nós “consideramos que se debe aprobar un Regulamento de Participación no que sexa factible crear novas formas de participación democrática, como pode se-la intervención de colectivos nas sesións plenarias, e a creación de consellos ou foros sectoriais, entre outras que estamos dispostos a concretar”.

Respecto do procedemento para o acceso de veciños e colectivos aos plenos, Gómez foi claro: “consideramos que non se poden utilizar mecanismos como apuntar de xeito ficticia aos seguidores e afíns ao goberno para evitar que o resto da cidadanía poida acceder ao salón de sesións”. Por iso os socialistas non admitimos que “se poida impedi-la asistencia en base a que o salón de sesións é de reducidas dimensións”, xa que, nos casos que se prevea un número de asistentes maior, “debe acondicionarse calquera outro espazo para celebra-las sesións con maior comodidade e seguridade para un maior número de asistentes, como pode ser o Centro Cultural, colindante co Pazo Provincial, o Teatro Principal ou outro espazo público”. Polo tanto, “se quere vir moita xente ao pleno, non hai que acomodar o dereito a asistir á capacidade da sala, senón máis ben acondicionar unha sala de maior capacidade que permita asistir ás persoas que así o desexen, e que permita o desenvolvemento do Pleno en condicións máis axeitadas”, abundou o compañeiro.

Ignacio Gómez critica que o Vicepresidente, a quen o Presidente, lle encomendou esta tarefa, xa dixese que o PP tiña unha proposta pechada, polo que tódalas reunións que se realicen neste proceso non serán máis que un paripé, para desvia-la atención da cuestión das responsabilidades do Presidente nun asunto tan turbio como aquel no que está implicado.

 

Tags: , , , , , , ,