Propoñeremos na Deputación a apertura dunha liña de axuda para que os concellos da provincia recuperen e protexan os seus cascos históricos

800px-Rúa_-_Vilanova_dos_Infantes_-_Celanova_-_Galiza_VI.05
O Grupo Provincial Socialista presentará perante o vindeiro pleno Ordinario da Deputación, a celebrar este venres, unha moción encamiñada á creación dunha liña de axudas con carácter provincial, que apoie as actuacións municipais en servizos e espazos públicos dos conxuntos e núcleos históricos. Esta novedosa iniciativa estará a destinada a actuacións municipais de recuperación nos conxuntos históricos de especial protección, dentro dunha estratexia de valorización patrimonial como fonte de desenvolvemento económico para a nosa provincia. O obxectivo é reverti-lo desmantelamento das axudas que se ofrecían a esta recuperación e protección do patrimonio, que foron fortemente retalladas polo PP.

Os socialistas consideramos que a posta en valor das zonas históricas, non só beneficia ao Concello no que se fai a actuación, senón que funciona como pulo ao desenvolvemento económico e turístico global de toda a provincia. A nosa é unha das provincias cun maior atractivo patrimonial de toda España, e débense contemplar, de xeito integrado, todas aquelas estratexias que sirvan de motor económico provincial.

Por iso, dende o Grupo Provincial Socialista, pretendemos someter a debate plenario o pulo que suporía unha liña de axudas aos Concellos e poboacións que contan con conxuntos e núcleos históricos que precisen de actuacións, para o cal as as propias entidades locais non teñen capacidade económica suficiente. Entendemos que, se queremos pór en valor as zonas históricas das nosas vilas e pobos, debemos considera-la súa conservación e rehabilitación como un servizo público.

Hai que ter en conta que se trata de zonas onde soen habitar persoas con rendas baixas, e que teñen o dereito de contar cos mesmos servizos que as demais noutras, asegurando o futuro destes núcleos históricos, para que non se deterioren e que non sufran abandono por falla de recursos. Cabe lembrar que estas zonas contan con protección patrimonial, e están suxeitas a unha normativa e unhas obrigas que supoñen un grande esforzo económico para os Concellos que, moitas veces, non é rendibilizado polos mesmos, senón, por exemplo, por zona limítrofes con maior dotación hostaleira.

Así, as infraestruturas que precisan, as pavimentacións das rúas en pedra, ou aspectos coma ao soterramento do cableado eléctrico, as peonalizacións ou calquera outro servizo público, teñen un custo meirande que outras intervencións, e precisan de respaldo financieiro para que poidan ser sufragadas polas entidades locais. Debido a que se trata de actuacións que implican a conservación do patrimonio, e teñen que ser executadas de xeito específico, o custo, xeralmente, supera os das intervencións que se fan fóra destes núcleos. A carga económica que deben soporta-las entidades locais, case en exclusiva, non se corresponde coas axudas que reciben, toda vez que, ademais, nos últimos tempos se viñeron retallando. Por unha banda, as axudas, que foron sometidas a recortes, financiaban as actuacións individuais e dos propietarios, e as poucas que ían destinadas ao sector público, coma os ARIs, foron mermadas na súas dotacións por parte do goberno do PP. Xa que logo, cómpre iniciar novas liñas de actuación económica ante o desmantelamento destas axudas.

Por outra banda, consideramos prioritario que esta proposta se concrete no presente semestre, nunha convocatoria pública que contemple: as actuacións a financiar, cadansúas porcentaxe e contía, así coma os criterios para a concesión.

Finalmente, queremos apelar ao esforzo colectivo que cómpre facer para acadar que os conxuntos históricos da provincia de Ourense ofrezan a súa mellor imaxen e poñan en valor a riqueza da nosa oferta turística. A aprobación desta proposta só reverterá no beneficio colectivo para toda a nosa provincia.

Tags: , , , ,