A Executiva Provincial comeza unha rolda de reunións nas comarcas cunha mantida na de Carballiño

20160220104652

A Executiva Provincial do PSdeG deu comezo a unha rolda de reunións comarcais enmarcadas nunha estratexia orientada a analizar aqueles temas que xeneran maior interese a nivel local para reforza-la acción política do partido a nivel territorial e potencia-la asistencia e apoio a tódalas as agrupacións e grupos municipais, de xeito coordenado con cadanseus coordenadores comarcais.

A primeira destas reunións, no que respecta ao presente ano, foi a correspondente á comarca de Carballiño; onde, aparte da presenza de membros da Executiva, estiveron os voceiros, secretarios xerais das Agrupacións Municipais, concelleiros, o deputado provincial da zona, Francisco Fraga, e o coordenador comarcal, Guillermo Fernández Dopazo.

Na reunión púxose especial énfase en tratar aqueles asuntos políticos de especial relevancia no ámbito local, de xeito que os asistentes lle poidan traslada-lo seu contido á veciñanza de cadanseus concellos. Nomeadamente, observouse como prioritario o trasladarmos toda a información dispoñíbel sobre a regularización catastral e a xestión do IBI, que afectan, progresivamente, a tódolos concellos.

Por outra banda, atendeuse a varios temas que suscitan interese ou dúbidas, por parte dos asistentes, no desenvolvemento diario da acción política nos grupos municipais socialistas, como a xestión de subvencións e axudas e a fiscalización das mesmas, o despoboamento, o aproveitamento forestal ou a xestión urbanística. En todo caso, buscouse acadar unha acción coordenada e a adecuada ao modelo de provincia que os socialistas queremos para Ourense.

Xa que logo, co esforzo colectivo de todos os militantes de cargos do PSdeG de Ourense, procuraremos as mellores solucións para as demandas que, día tras día, nos fai a cidadanía dos distintos concellos da provincia.

Tags: , , , ,