Demandamos no Parlamento dous plans, de creación de emprego e de cooperación sanitaria, co Norte de Portugal

Os Grupo Socialista no Parlamento galego demandou hoxe na cámara autonómica senllos plans de cooperación transfronteiriza, en materia de creación de emprego e de atención sanitaria, entre Galicia e o norte de Portugal, mediante a presentación de senllas proposicións, que foron rexeitadas polo PP.

A deputada pola nosa provincia Noela Blanco, manifestou, na presentación das dúas proposicións, o seu convencemento de que “as relacións co país luso deberían ser unha parte prioritaria na axenda de acción exterior deste goberno, mais nestes últimos anos é patente a falla de interese e de implicación amosada polo goberno de Feijóo en todo o referente a fortalece-las relacións co país veciño”, denunciando que “a posición do goberno galego en Europa é un paripé que se visualiza na ausencia do presidente da Xunta en Bruxelas, nun momento no que nas institucións europeas se están a tratar temas de especial relevancia para Galicia, como a situación na que se atopan os nosos sectores produtivos”.

Con relación á iniciativa sobre emprego, Blanco lembrou que a zona transfronteiriza, na que destaca o Sur da nosa provincia, “é a que sofre o maior incremento do desemprego en Galicia, máis do 70% dos vinteséis concellos superan a taxa media de paro”. Unha situación que comeza “a reverte-lo novo goberno socialista portugués en poucas semanas, ao que igual que ocorrera en España cando os socialistas cheguemos a presidencia do Goberno”.

Este plan de emprego debería de incidir de maneira urxente “na mocidade, onde se está a reproduci-lo fenómeno da emigración dos anos ‘70, na poboación con máis idade, presa en moitos casos dun desemprego de larga duración, e nas mulleres, xa que o paro feminino segue sendo superior ao masculino”. Xa que logo, para a nosa deputada, e tendo en conta “este marco de tremendas dificultades no mercado laboral, os socialistas consideramos que, de xeito urxente, se debe elaborar e poñer en marcha este plan, que deberá contar con dotación orzamentaria, para favorecer un mercado de traballo inclusivo na zona transfronteiriza, que axude a cohesión social e territorial da mesma”.

Con respecto á Sanidade, a iniciativa demandaba á Xunta “a elaboración, de maneira conxunta co Goberno portugués, e a presentación no Parlamento de Galicia para o seu debate e aprobación no prazo máximo de tres meses, dun plan estratéxico de cooperación transfronteiriza sanitaria, que terá, entre outros, como obxectivos, a eliminación das principais trabas burocráticas: a falta de transparencia e información sobre os procedementos e tratamentos en cada un dos Estados, a incerteza que existe sobre os pagos e reembolsos, e as dificultades no seguimento ou tratamentos posteriores”.

Caso de que tivera sido aprobado, este plan sería “pormenorizado”, contando “cun cronograma e identificación dous recursos financeiros e humanos”, onde se contemplaría a dotación orzamentaria que a Xunta destinaría ao mesmo, así como “as posibles axudas comunitarias”, informou Blanco.

Tags: , , , , , , ,