OS SOCIALISTAS RESPONSABILIZAN AO GOBERNO GALEGO DOS 113.000 NOVOS DESEMPREGADOS DENDE A CHEGADA DE FEIJÓO

María Quintas critica a “ineficacia” da Consellería de Traballo ao deixar sen executar o 31 por cento dun orzamento que reduciron a menos da metade

 

Santiago de Compostela, 26 de maio de 15. A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, María Quintas, dixo hoxe que a incompetencia na xestión do goberno galego tivo como consecuencia o aumento de 113.000 novos desempregados e a redución da poboación ocupada en 180.000 persoas dende a chegada de Feijóo. Así o dixo na comparecencia da conselleira de Traballo para dar conta do Plan Anual de Emprego de Galicia, hoxe no Pleno do Parlamento.

 

A deputada socialista acusou ao goberno galego de responder con publicidade e propaganda para agochar a un “fracaso total” que supón un aumento do 70 por cento no desemprego fronte ao 36 por cento do conxunto de España, ata sumar 275.000 persoas, un aumento trimestral de 11.900 persoas.

 

Hoxe, explicou, o número de parados e xubilados de Galicia supera á poboación traballadora, e por cada menor de 20 anos hai 7 xubilados, mentres a taxa de paro xuvenil aumenta un 60 por cento dende 2010 e a taxa de ocupación descende en case un 30 por cento.

 

María Quintas criticou que dende o ano 2009 o desleixo do goberno galego provocou a destrución de 80.000 empregos xuvenís, a razón de 45 empregos ao día, mentres unha media anual de 13.000 mozos e mozas abandonan Galicia.

 

Ineficacia

 

A deputada socialista criticou a xestión “sumamente ineficaz” do goberno galego, que respondeu a unha situación crítica reducindo en mais da metade os orzamentos para políticas activas de emprego, dende os 421 millóns de euros de 2009 aos 193 de 2015. Ademais de reducir o orzamento de forma drástica, criticou que a Consellería de Traballo deixara sen executar o 31 por cento do seu orzamento no ano 2014.

 

Criticou a incompetencia da conselleira por ter deixado sen executar 85 millóns de euros dos 271 orzamentados para todo o exercicio, o que supón que “de cada tres euros, un deles non foi executado na anualidade correspondente”.

 

Quintas lamentou que o goberno galego responda a esta situación presentando hoxe un plan de actuación “agochando a documentación oficial” ao Parlamento, que “no mellor dos casos poderá reducir o desemprego en 15.000 persoas”.

 

Estas axudas estarían destinadas principalmente a cursos de formación, logo de, lembrou, o escándalo provocado polo presunto desvío de fondos de formación ao financiamento do PP investigado na Operación Zeta, e mentres destinan o 94 por cento das axudas correspondentes aos programas de emprego a concellos dirixidos por alcaldes do PP.

IMG-20150520-WA0003