OS SOCIALISTAS DENUNCIAN “BURDA MANIPULACIÓN” NO TRATAMENTO INFORMATIVO DA TVG AO PRESUNTO DESFALCO DE MAIS DE 200.000 EUROS POLO ALCALDE E CANDIDATO DO PP DE CUALEDRO

María Quintas censura que o ente público dedique 29 segundos sen declaracións a un feito “o suficientemente relevante como para que o trataran os medios estatais”

 

Santiago de Compostela, 20 de maio de 15. A portavoz do Grupo Socialista na Comisión de Control da CRTVG, María Quintas, denunciou hoxe o “tratamento torticero e burda manipulación” por parte dos informativos do ente público ao presunto desfalco de mais de 200.000 euros por parte do alcalde e candidato do PP de Cualedro. Quintas presentou unha pregunta sobre este caso na Comisión celebrada hoxe no Parlamento.

 

Quintas cualificou o caso de “indecente, obsceno e o suficientemente relevante como para que o trataran os medios estatais”, mentres á televisión pública autonómica tan só lle ocupara 29 segundos sen declaracións nun informativo.

 

Criticou a “actitude de impunidade e de sheriff” exercida por un medio público que se permite obviar un caso con repercusión nacional e que “foi tratado en roldas de prensa e intervencións do noso portavoz na deputación, denunciado a tódolos niveis e que provocou declaracións do presidente da Xunta e do PP, do seu secretario xeral e vicepresidente, do presidente da Deputación e do portavoz parlamentario”.

 

María Quintas lembrou o caso do alcalde de Cualedro, daquela tamén deputado provincial, cargo do que posteriormente dimitiu, e agora candidato á alcaldía, que é titular dunha estación de servizo no pobo á que se desprazan a repostar tódolos vehículos da Deputación malia que se sitúa a 55 quilómetros da capital, así como os vehículos do Concello.

 

A través desta estratexia, lembrou, o alcalde conseguiu desfalcar presuntamente 186.770 euros á Deputación de Ourense entre 2009 e 2014, e outros 69.184 euros ao Concello entre 2010 e 2014.

IMG-20150520-WA0003