A Xunta Electoral de Zona incoou onte un expediente sancionador contra dúas candidatas do PP de Amoeiro pola tentativa de manipulación do voto nunha residencia de anciáns e por presións cara o voto ao PP dun maior que recibe asistencia domiciliaria municipal no mesmo concello.

 

O PSdeG lamenta que éstas prácticas se repitan a acotío nos procesos electorais, e que teñen sempre como protagonistas a candidatos do PP

 

Ourense.- 9.5.2015

 

A denuncia foi presentada o pasado 4 de maio polo PSdeG de Ourense a partires da información presentada polo alcalde dese municipio, así como de dous vídeos aportados por este. Nun dos vídeos amosouse a testemuña da administradora dunha residencia comunitaria de maiores de Amoeiro, e noutro un matrimonio de anciáns relataba como as dúas candidatas ás que acaba de abrirse expediente sancionador intentaban manipular o voto por correo dun maior en situación de dependencia e con mobilidade reducida.

O Partido Socialista en Ourense denunciou estes feitos, xunto cos denunciados hai dous días en Vilardevós por outro intento de manipulación do voto por correo, reflicten o grao de vileza moral do PP.

O xuíz instrutor deste expediente, Leonardo Álvarez Pérez, que é presidente da XEZ, acordou, asemade, dar traslado da denuncia e outorgar un prazo de cinco días para a presentación de alegacións.

Este paso procesual supón a tramitación xudicial duns feitos que amosan claramente a actitude amoral e antidemocrática do PP na procura do voto para o seu partido, singularmente no caso das persoas maiores.

Ademais, tales feitos non son illados, xa que estanse a producir outros semellantes en diversos pobos da provincia. Hai dous días denunciamos a subtracción por unha candidata do PP da documentación para votar por correo, despois de que o carteiro a entregase nun domicilio particular.

O PSdeG lamenta que éstas prácticas se repitan a acotío nos procesos electorais, e que teñen sempre como protagonistas a candidatos do PP, e como vítimas, ás persoas maiores que viven soas ou en residencias.

19_01p