O PSdeG acusa ao alcalde de Carballiño de mentir trala remisión ao TSXG de máis de 1000 expedientes de contratos laborais no período no que Pachi Vázquez foi alcalde

Os socialistas de Carballiño acusan ao alcalde, Argimiro Marnotes, de mentir unha vez máis no que respecta á documentación remitida dende o Concello ao TSXG en relación ao procedemento que se sigue contra Pachi Vázquez e outros concelleiros sobre a contratación de traballadores polo Concello hai máis de dez anos.

O Grupo Municipal Socialista da vila ten constancia de que nos últimos días se remitiron dende o Concello ao TSXG máis de 1000 expedientes daqueles contratos, co cal se demostra que no arquivo municipal había moita máis documentación da que se recoñecía por parte das autoridades municipais e da súa defensa neste procedemento.

Ao mesmo tempo, se corrobora que a documentación presentada pola defensa de Pachi Vázquez ante o TSXG realmente se atopaba no arquivo municipal, malia as declaracións do avogado do Concello e dos responsables municipais afirmando que non había expedientes dos contratos dos traballadores naquel período.

O voceiro do Grupo Municipal, Paco Fumega, e o concelleiro Adolfo Nogueira, explicaron en rolda de prensa que, polos medios de comunicación, “puidemos saber que o avogado que representa ao Concello de Carballiño declarou hai dous días que o Concello non tiña máis documentación sobre este asunto e que non remitira nada novo ao TSXG”. “Iso contradise co feito de que, moi recentemente, se enviaron máis de 1000 expedientes dende o concello ao TSXG”, sinalaron.

Fumega e Nogueira consideraron “gravísimo” e “lamentábel” este feito “porque se, efectivamente e como se demostra, había documentos dabondo no arquivo municipal sobre os procesos de contratos laborais do período da alcaldía de Pachi Vázquez, se estiveron ocultando durante máis de seis meses e incluso se negou ata agora a súa existencia”. “Incluso, pola información que ten este Grupo Municipal, o TSXG remitiu hai pouco tempo un requerimento ao concello de Carballiño para que se aportase a documentación aludida pola defensa de Pachi Vázquez, presentando incluso copias de moitos expedientes de contratos”, apuntaron.

Ante a manifesta falla de transparencia do goberno do PP, o Grupo Municipal do PSdeG esixe ao alcalde que facilite unha relación de toda a documentación remitida polo concello ao TSXG relativa a este procedemento, coas datas da súa remisión.

Reclama, ademais que facilite copia do rexistro do Concello no que figuran estes documentos e unha explicación sobre o ocultamento da existencia destes documentos no arquivo municipal.

Os socialistas demandan tamén explicacións sobre a tardanza na remisión destes documentos ao TSXG e esixen información sobre os requerimentos do TSXG para que se lle remitira documentación dos contratos laborais suxeitos a este procedemento, incluídas as datas na que foron requeridos.

Tendo en conta que os expedientes dos contratos laborais son pezas esenciais neste procedemento, xa que inclúen o modo de selección e as probas efectuadas, resulta, cando menos sospeitoso e unha irresponsabilidade ética e política, tratar de ocultar e retrasa-la súa posta ao servizo tanto da Xustiza como dos representantes da cidadanía no Concello, e incluso dos propios cidadáns.

Os socialistas lembraron que lamentábelmente “esta falla de transparencia e as mentiras aos cidadáns, veñen sendo a táctica habitual deste alcalde, aínda que neste caso cobra maior gravidade aínda” polo que lle advertiron a Marnotes que “non todo vale en política”.

“Se quere demostrar transparencia, agardamos por toda esta información canto antes, porque o alcalde está xogando co traballo de moitas persoas, coa imaxe dos cargos públicos afectados, e ademais coa imaxe do propio Concello, ao deixar en evidencia ao persoal e á propia institución”. “Ademais, débelle unha explicación á cidadanía sobre se, por erro ou intencionadamente, se está a ocultar información”.

Tags: , , , , ,