Seara pide ao Goberno central “que se defina” sobre o Centro de Interpretación de Parques Naturais de Galicia “e retome as obras”

A deputada socialista no Congreso, Laura Seara, acaba de rexistrar na Cámara Baixa unha batería de iniciativas parlamentarias coas que lle pide ao Goberno central “que se defina e aclare cales son as súas previsións verbo do Centro de Interpretación de Parques Naturais de Galicia, en Ourense”. Con estas iniciativas parlamentarias, Seara reclama ao Goberno central “que retome de xeito urxente as obras” do devandito Centro “e da Rede Natura 2000”, e lembra que se trata dun proxecto que puxo en marcha o Goberno socialista, e que o PP de Rajoy e de Feijoó paralizou”.

Para a deputada “é irónico que agora, en campaña electoral, veña” o candidato do PP á alcaldía da capital, Jesús Vázquez, a dicir que ese partido “poñerá en marcha” este proxecto, e que incluso apunte esta infraestrutura no seu programa electoral como un referente medioambiental de Galicia e de Ourense”. Por iso, Seara solicita que “se realmente o PP considera prioritario” o mesmo, “que o Goberno comece as súas obras de inmediato”.

Seara lembrou tamén que “o Centro de Interpretación púxose en marcha a través dun convenio subscrito polo Ministerio de Medio Ambiente e a Xunta”, ambos socialistas, en xullo do 2008, iniciándose con iso as obras, e que “tras unha primeira paralización por parte do Goberno do PP, en novembro do 2012”, “subscribiuse un segundo convenio de colaboración para finaliza-lo Centro”. Porén, o certo é que, a día de hoxe, as obras levan tempo paralizadas, co edificio a medio construír e presentando “un estado de abandono que foi denunciado en múltiples ocasións polo propio Concello de Ourense e polo PSOE”. Pola súa banda, a Xunta, reprocha tamén a deputada “alega estar á espera de redactar novos documentos, pero as obras seguen bloqueadas”.

Seara subliña que “o proxecto iniciado no 2008 é unha novidosa posta en valor da inmensa riqueza natural de Galicia, particularmente da provincia de Ourense, cunha superficie de 3026m2, nos que se prevían funcións expositivas, museísticas e informativas”. Tamén destaca que daquela se establecía que o Centro fose “un referente de divulgación medioambiental, no que se organizasen cursos e congresos relacionados co medio ambiente”.

A deputada considera que “a postura que está adoptando o PP parece indicar que, tanto o Goberno de Rajoy como a Xunta, puideron cambiar de opinión respecto ao Centro de Interpretación de Parques Naturais de Galicia, e por iso o Goberno debe explicar con claridade cal é o desenvolvemento do convenio asinado” e “cando retomará as obras”.

Tags: , , , , , ,