En ano e medio, mil oitocentos ourensáns emigraron fóra de España

08/04/2015
By

A deputada socialista pola nosa provincia, Laura Seara, recibiu unha resposta do Goberno central que confirma que, dende o 2012 ao primeiro semestre do 2014, houbo 11 604 galegos que emigraron fóra de España, dos que 1790 eran ourensáns.

A deputada manifestou que “esta situación se produciu como consecuencia da crise económica, pero estivo agravada polas políticas de retallo do PP, en Galicia e en Madrid, que condenaron aos cidadáns á asfíxia”. Así, como principais causas de que os galegos voltemos a emigrar en busca de oportunidades, Seara cita “a ausencia de emprego de calidade e a deficiente estrutura empresarial galega”, pero tamén “as erráticas políticas de emprego e os inasumíbeis retallos sociais levados a cabo polo Goberno de Rajoy, coa compracencia de Feijóo”. Especialmente grave considera que “esta fuga” se produza “sobre todo entre os máis novos e cualificados, o que agrava aínda máis o problema do envellecemento da poboación existente en Galicia, e fai aínda máis difíciles as perspectivas de sustentabilidade da economía galega”.

A deputada lamenta que “hoxe, do mesmo xeito que hai sesenta anos, os mozos teñen que colle-la súa maleta e marchar non só lonxe da súa cidade ou pobo, senón lonxe do seu país”. “Abandonan as súas cidades e pobos, abandonan Galicia e abandonan España”. “A emigración ao exterior estase convertendo nun mal endémico en Galicia”. “Trátase dunha sangría demográfica e económica, coa que se vai o talento, as persoas máis cualificadas, ante a falta de perspectivas de empeza-las súas vidas con empregos acordes ás súas expectativas e a súa preparación”, e reprocha que o Goberno central do PP “metres tanto, presume de que baixa o número de parados”, lembrando Seara que eses “mozos que emigran causan baixa nas listas do paro, polo que este drama axuda ao Goberno a maquilla-las cifras” de desemprego.

Seara destaca que, malia que en termos absolutos é maior o número de persoas das provincias d’A Coruña e Pontevedra que emigran ao estranxeiro debido á súa maior poboación, o peso relativo de ourensáns que o fan é maior na nosa provincia: “para Ourense, a provincia galega xunto con Lugo co índice de poboación máis envellecida, o saldo de persoas que foxen ao estranxeiro coa esperanza de mellora-las súas condicións de vida, é insoportábel: con estes datos, a Galicia interior afúndese aínda máis, pois en Ourense, ao éxodo de mozos tamén se suma a caída demográfica”. Neste senso, a deputada lembra que dende o PSdeG de Ourense denunciamos “centos de veces esta realidade; pero é unha realidade á que os socialistas nos negamos a resignarnos”.

Para a deputada “Ourense e Galicia teñen un potencial inmenso, pero nin se recoñece a dimensión do problema, nin se levan a cabo incentivos e medidas que asenten poboación”, xa que “o PP nunca ha ter nin estratexia, nin intención, de buscar solución ao que é xa o maior problema de Ourense”.

Seara lembra que non debe confundirse o dato do número de galegos que marchan fóra de España, co dato dos que residen no exterior segundo o Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro (“PERE”, feito público en marzo deste ano). Neste senso, parécelle “lamentábel que a Xunta sostivese o pasado marzo que o PERE aumenta no 99% dos casos por un maior número de nacementos, cando a resposta parlamentaria do Goberno central (do mesmo PP), demostra que a cifra de galegos que deben de ir a buscar traballo ao estranxeiro é alarmante, estean ou non reflectidos no PERE”.

Tags: , , , , , , , , ,