Os socialistas de Leiro advirten de que o vindeiro mes de abril empezarán as “rebaixas” coa “campaña de obras” por parte do goberno municipal

Os socialistas de Leiro denuncian que o goberno municipal segue a enganar aos veciños, utilizando tódalas canfurnadas habidas e por haber para sacar rédito político cara ás próximas eleccións municipais, ao usaren obras que xa deberían estar iniciadas e/ou rematadas antes deste ano electoral, moitas delas propostas polos socialistas no pleno do Concello; e mostran a súa total indignación pola “tomadura de pelo” que supón a utilización desa “campaña de obras” a menos de dous meses das eleccións.

Pola contra, os compañeiros de Leiro lembran que eles chegan cos “deberes feitos”, ao non deixaren para o final do mandato municipal o seu traballo como oposición, materializado en todo tipo de iniciativas destinadas a cumprir coas súas obrigas de defende-los intereses e dereitos dos veciños, que consideran conculcados polo goberno municipal, así como en fiscalizaren a este último.

En contraposición a esta vocación de traballo polos veciños, os socialistas sitúan a “inacción, inaptitude, pasotismo e ineficacia” do grupo de goberno, que trata de que o alcalde siga na cadeira “custe o que custe” e de disimular que neste mandato municipal se sucedeu “incumprimento tras incumprimento”, co “engano” da devandita “campaña de obras”, feita ás carreiras.

Tags: , , ,