Seara reclama ao Goberno central que impulse “a estación intermodal de Ourense, e non a converta nun apeadoiro”

A deputada socialista no Congreso pola nosa provincia, Laura Seara, rexistrou unha nova iniciativa parlamentaria na Cámara baixa coa que reclama ao Goberno central, unha vez máis, a realización da estación intermodal da cidade.

Seara considera que “é inadmisíbel que, a estas alturas, o Goberno do PP non teña nin sequera proxectado o modelo para a estación intermodal”, e sinala que “a realización da estación intermodal de Ourense é absolutamente necesaria para o proxecto de Alta Velocidade” de Galicia á meseta, “xa que Ourense é a súa porta de entrada”.

A deputada sinalou que o Goberno do PP xa “se cargou” o proxecto “previsto por doce millóns de euros para a estación de Alta Velocidade de Medina del Campo (Valladolid) que pertence á liña do AVE Madrid-Galicia, e agora vaise a construír cun investimento de tan só 6,2 millóns de euros”; e lle pide ao Goberno “que non lle de a o mesmo tallo á estación intermodal de Ourense”, advertindo de que “se o Goberno segue por ese camiño, a estación intermodal de Ourense, chamada a ser estación central de Galicia, pode quedar nun apeadoiro”.

Seara leva dous anos denunciando “a paralización e o silencio do Goberno do PP respecto da estación intermodal” da cidade. En maio do 2014 xa indicou, nunha comparecencia no Congreso dos Deputados do Secretario de Estado de Infraestruturas, que “o Goberno do PP enterrou a estación de Norman Foster, e ademais engana co custo do proxecto”. A deputada tamén leva meses denunciando a paralización das obras do AVE a Galicia na nosa provincia, así como a rebaixa, por parte do Goberno central, das “verdadeiras” características da Alta Velocidade, a Galicia.

Xa que logo, Seara considera que “esta situación á que o Goberno do PP somete á estación do AVE en Ourense, é incompresíbel, tendo en conta que o proxecto está adxudicado dende o 2011 grazas ao Goberno Socialista”, e lamenta a falta de resposta por parte do Ministerio de Fomento ás preguntas parlamentarias do Grupo Socialista sobre o grao de execución dos diferentes tramos do AVE á meseta.

A deputada denuncia que o Goberno central “confunde austeridade con temeridade, e minte deliberadamente sobre a chegada do AVE” da meseta, sobre o que está convencida de que “saben que non estará, nin de broma, no 2018”, porque, ao ritmo da execución que leva o PP, “é imposíbel”.

Tags: , , , , , ,