Leva ao PP a usar mentiras disparatadas para tentar explica-lo rexeitamento a unha iniciativa para impulsa-las obras do Arquivo e a Biblioteca de San Francisco

Esta tarde, na Comisión de Cultura da Cámara Baixa, unha iniciativa transaccionada por PSOE e BNG para impulsa-las obras do Arquivo e a Biblioteca de San Francisco, foi rexeitada polo PP. Mediante unha enmenda do PSOE, a nosa deputada no Congreso, Laura Seara, incluíra nunha iniciativa do BNG unha petición ao Goberno central de “defini-lo uso do coñecido como antigo solar da igrexa, que forma parte do conxunto patrimonial das antigas instalacións do Convento de San Francisco”.

Porén, o PP rexeitou dita proposta transaccional, dun xeito que a nosa deputada cualificou de “absoluta desfachatez”. E é que a ex-alcaldesa de Bande, convertida en voceira do PP neste tema, chegou a afirmar que os logros de Arquivo e Biblioteca se terían debido ao actual candidato desde partido á alcaldía da cidade. Seara aclara que ditas afirmacións “son un tremendo disparate, ademais dunha gran falsidade e unha incrible cara dura”, lembrando que o actual Presidente do Goberno, en 1999, sendo ministro de Cultura, prometera -non moito antes dunhas eleccións xerais- “un complexo cultural de 18 000 metros cadrados para restaura-lo convento co fin de convertelo en Arquivo Histórico Provincial e construír unha biblioteca”, e que, “dende entón, esta infraestrutura sufriu todo un rosario que só se encauzou no 2004 cando, xa co Goberno central socialista, o Ministerio requiriu á empresa adxudicataria polos incumprimentos de prazo”. No entanto, no 2005, a empresa solicitara paraliza-las obras e reclamou 2,5 millóns de euros por certificacións, quedando a obra paralizada, ata que en febreiro do 2010 o Xulgado levanta a suspensión cautelar. “Entón, o Goberno Socialista finalizou e adxudicou o proxecto, pero cando estaba en proceso de adxudicación, en novembro do 2011, foi esixida a súa paralización no traspaso de poderes do Goberno central Socialista ao Goberno do PP”.

Por se fosen pouco ilustrativos estes datos, Seara engadiu que “en ningún exercicio orzamentario”, incluso “en plena paralización xudicial, o anterior goberno, o Goberno Socialista, deixou de orzamenta-los investimentos”; e sostivo que “agora que parece desbloqueada esta actuación tan importante e tan esperada pola cidade, o Goberno debe impulsa-las obras e cumpri-los seus compromisos, así como estuda-los posibles usos do solar no que estaba a antiga igrexa”.

Xa que logo, Seara lamentou “o rexeitamento do PP a esta iniciativa”, que “é unha auténtico xerra de auga fría para os ourensáns”, e remarcou que “só o PP votou en contra”.

Tags: , , , , , , , , , ,