Instamos ao Goberno central a formalizar urxentemente o protocolo para transferir ao Concello da cidade os tramos da N-120 do bulevar termal

A deputada socialista no Congreso, Laura Seara, rexistrou na Cámara baixa unha Proposición Non de Lei coa que insta ao Goberno central a “que formalice inmediatamente o Convenio co Concello de Ourense, en base ao protocolo asinado no 2011, para transferir ao Concello os tramos da N-120 que dan acceso á zona termal, coñecida como ‘bulevar termal ‘ ”.

Con esta Proposición Non de Lei, os socialistas ourensáns pedimos ao Goberno central “que transfira dunha vez ao Concello de Ourense os tramos da N-120 que dan acceso á zona termal”, petición que levamos anos reclamando ao Goberno central, despois de que, no 2011, o Goberno socialista asinase co concello da cidade un protocolo para tal fin.

O candidato socialista á alcaldía de Ourense, José Ángel Vázquez Barquero, sostén que “a cesión ao Concello de Ourense do tramo da N -120 que dá acceso á zona termal da cidade é un cuestión estratéxica para os socialistas”. Neste senso, apunta que “Ourense é a capital termal de Galicia, e a segunda cidade de Europa, logo de Budapest, con maior volume de augas minero-medicinais”, e sinala que “a maioría das nosas surxencias termais se sitúan, ben na canle, ben nas ribeiras, do río Miño, e necesitan mellora-a súa accesibilidade para que unha explotación racional deste recurso permita un desenvolvemento turístico da cidade”.

Seara solicita unha vez máis no Congreso a transferencia destes tramos da N-120 ao Concello, tras recibir unha resposta na que o Goberno central indica que non os transferirá ata que non execute o primeiro proxecto da variante Norte da cidade. Para a deputada, a resposta do Goberno “é inadmisíbel”, xa que “existe un protocolo asinado dende o 2011, e pasou xa tempo máis que dabondo, catro anos, para que o Goberno formalice dito protocolo cun convenio”. Tamén mostra a deputada a súa preocupación por esta resposta dende o punto de vista de que “o Goberno do PP nunca inclúe suficiente dotación orzamentaria para o proxecto da variante Norte, polo que, se hai que esperar a que este se execute, o bulevar termal seguirá anos sen ve-la luz”

A deputada lembra: “a Secretaria de Estado de Turismo xa me respostou, nunha interpelación no Congreso, que o proxecto do bulevar termal de Ourense non é prioritario para o Goberno, e non ten dotación orzamentaria”. Anteriores respostas parlamentarias escritas do Goberno do PP a Seara tamén sostiñan que non había dotación económica para transferi-los tramos da N-120 ao Concello da cidade. Porén, Seara coida que “o proxecto do bulevar termal é de grande importancia para Ourense, tanto desde un punto de vista turístico como económico, e pídelle ao Goberno de Rajoy “que deixe de dar longas a este proxecto”.

Vázquez Barquero lembra que o anterior ministro de Fomento, José Blanco, asumiu o compromiso, e asinou, co alcalde da cidade “un protocolo que posibilitaba a reconversión dun tramo importante da N-120, ao seu paso por Ourense, nun bulevar que solucionase a limitada accesibilidade á nosa principal área termal”. Porén, destaca que “a actual ministra, Ana Pastor, enviou o protocolo asinado ao baúl dos recordos, e relegou novamente á nosa cidade, do mesmo xeito que fixo coa chegada do AVE e coa construción da nova estación intermodal”.

Tags: , , , , , , , ,