Seara denuncia que Ourense sufriu máis de mil setecentas subtraccións en explotacións agrícolas e gandeiras nos últimos tres anos, e só se esclarecen un 10%

Tras recibir unha resposta parlamentaria do Goberno central, a deputada socialista no Congreso pola nosa provincia, Laura Seara, denuncia que “Ourense é a provincia galega con maior número de roubos no campo, e só se resolve o 10% dos mesmos”.

Dita resposta do Goberno central sinala que, na nosa provincia, se produce unha media de 570 subtraccións por ano en explotacións agrícolas e gandeiras, cun total de 1736 nos últimos tres (628 no 2012, 621 no 2013 e 487 no 2014).

Seara critica que “malia este elevado índice de delitos no campo ourensán, no 2012 só se esclareceu o 10,3% deles, no 2013 un 12,8%, e no 2014 un 10,4%. Xa que logo, a deputada opina que “non só é preocupante o altísimo volume de delitos que se producen no rural ourensán, senón que, ademais, as cifras reflicten que “cada ano fica sen resolver un número máis alto dos mesmos”, polo que considera que estes datos son “contrarios ao que cabería esperar trala creación na provincia, hai pouco máis dun ano, dos equipos especializados en roubos no campo, ‘ROCA’ ”. A deputada, apunta que “aínda que, dende creación, en decembro do 2013, dos equipos ‘ROCA’, o número destes delitos no campo ourensán diminuíu, aumentou, con todo, do 2013 ao 2014 o número deles nos que non se acha aos culpables”. De feito, segundo a resposta do Goberno central, a porcentaxe de delitos no campo esclarecidos na nosa provincia ten tendencia á baixa dende o 2010, cando se resolveron un 13,9% dos mesmos.

A deputada ourensá compara e reflicte que “no resto de provincias galegas, a porcentaxe de delitos no campo resoltos non é moito mellor, pero si é moito menor o número de roubos que se producen”. Así, no 2014, fronte aos 487 en Ourense, en Lugo, houbo 46. E incluso nas provincias atlánticas, a comparación resulta rechamante, con 71 casos n’A Coruña e 96 en Pontevedra.

Seara reproba que o Goberno central recoñecese na súa resposta que “o número de equipos ‘ROCA’ e a súa composición non é fixo”, que “partindo dun mínimo de dous efectivos e, dependendo das necesidades operativas de cada momento e da evolución desta tipoloxía delituosa, fórmanse os equipos cos axentes necesarios para cumprir eficazmente a súa misión”, e que “a súa distribución territorial dentro de cada provincia tamén é obxecto de actualización en virtude da evolución e do desprazamento xeográfico da actividade criminal”. Para a deputada, iso “non é suficiente, pois estamos ante o maior incremento da Historia en infraccións penais nas explotacións agrícolas e gandeiras”, engadindo que “aínda que no 2014 diminuíu algo o número de delitos, a cifra segue sendo desmesurada e intolerábel”.

Por iso, lle pide ao Goberno central “que estude qué está a fallar” e “que realice mellor planificación, para que diminúa o número de delitos no campo ourensán e aumenten os que se resolven”.

Tags: , , , , , ,