O PP teima en pinchar en óso co alcalde de Piñor

Velaquí a resposta de Francisco Fraga, alcalde de Piñor, ás últimas insidias do PP de Ourense sobre a xestión dese Concello:


Resposta ás mentiras do voceiro do PP de Piñor.

Unha vez máis o voceiro do PP en Piñor volve coa súa teima habitual de atribuirme todos os males que acontecen no Concello de Piñor, sexan reais ou imaxinarios. A poucos engana, porque en Piñor coñecémonos todos, pero para evitar que queden dúbidas na xente que descoñeza a situación de Piñor convén facer as seguintes aclaracións:

- Periodicidade dos plenos: En xaneiro tocaría pleno ordinario e non o houbo por non haber asuntos a tratar. Convocar un pleno para aprobar únicamente a acta anterior e facer rogos e preguntas semella pouco serio e un despilfarro nas circunstancias actuais. Ademais sabe ben que non se ve impedida a súa función de control ó goberno posto que se lle dá carácter ordinario ós plenos, é dicir admítense mocións e rogos e peguntas. Por certo, revisadas as actas dos plenos deste mandato o PP só presentou tres mocións para o debate en pleno, unha relativa á violencia terrorista, outra a liortas nas manifestacións de Madrid e a terceira á modificación da planta xudicial. Que cadaquén saque as súas propias conclusións. Pero é que hai máis, no último pleno non foron quen de votar a favor dunha refinanciación dos préstamos do plan de pago a proveedores, o cal lle vai supor un aforro importante ó concello. Sobre a periodicidade dos plenos tamén acudiu ó Valedor do Pobo a través dunha queixa que máis ben era unha causa política xeral contra min. A queixa foi arquivada.

- Gastos en persoal: abonda cunha cifra para ver que minte; na liquidación do orzamento do 2014 a porcentaxe dos gastos do capítulo de persoal foi do 27,94 % sobre o total do orzamento liquidado. Moi lonxe da metade como afirma o voceiro do PP, a non ser que para el a metade sexa outra cousa.

-Aprobación da conta xeral: cunha breve consulta á lexislación daríase conta de que hai de prazo ata o 1 de outubro para ser aprobada polo pleno.

- Aprobación dos orzamentos: é certo que imos con retraso na súa presentación, coma a maior parte dos exercicios pasados e coma moitos concellos máis grandes ca Piñor e con moito máis persoal que non os presentaron aínda, ata hai algún de ben cerca de Piñor e gobernado polo PP que leva anos sen presentalos.

- Atención ós veciños por parte do persoal do Concello: é algo radicalmente falso e malintencionado. Pese a escaseza de persoal do concello, os expedientes resólvense dentro dos prazos establecidos e aténdese a toda aquela persoa que se acerca á casa do concello. Nestes anos o concello mudou, e moito. Son moitos os servizos que agora se lle prestan ós veciños dende o concello: servizos sociais, axuda no fogar, programa de educación familiar, programa de actividades para a infancia, a xuventude e os maiores, programa de atención psicolóxica, punto de información catastral, servizo de abatecemento municipal, servizo de velorio municipal, brigada de obras municipais, programa de compostaxe doméstica, brigada de desbroce e limpeza de camiños, servizo de tractor-desbrozadora municipal, asesoramento urbanístico, cursos de formación para desempregados, tramitación de permisos para outras administración que se fan dende o concello para evitarlle desprazamentos á veciñanza e múltiples programas de actividades que se levan a cabo ó longo do ano, e un longo etcétera que estendería en exceso este escrito. Imposible comparar con anos atrás cando no concello funcionaba o rexistro civil e pouco máis. Na comparación efectuada polo voceiro do PP omite todo isto intencionadamente, pensa que canto peor lle vaia ó concello mellor lle vaia ir a el políticamente. A súa labor de obstrucción a todo o que se fai no concello é constante, intentando que a este concello non lle dean o que lle corresponde, poñendo continuas trabas nas administración estatal e autonómica, gobernadas ambas polo PP.

- Acceso á información e o resto de lamentos que relata: nisto non vou perder moito tempo porque xa lle respondeu o Valedor do Pobo no seu momento arquivando a queixa que presentou.

E así podería seguir, desmentindo o que non son máis ca mentiras insidiosas e interesadas destinadas a ver se engana a alguén para que lle vote. De aquí ó 24 de maio quedan unas cantas máis por ver, se hai catro anos ofertou postos de traballo inminentes nunha fábrica de coches eléctricos que se ía instalar nun polígono que a día de hoxe aínda non existe, agora calquera cousa pode ser posible. Pola miña parte pouco tempo máis lle vou adicar, o meu esforzo e as miñas preocupacións son outras: seguir mellorando a calidade de vida e as oportunidades dos habitantes de Piñor e defendendo os seus intereses dende o concello. Os xogos políticos e as mentiras déixollas todas para el.

Tags: , ,